A IMPORTANCIA DO AUTOCONSUMO E DO COMERCIO DE PROXIMIDADE

                                                                                                Xoán Carlos Carreira Pérez



O texto que estades empezando a ler é un resume ou síntese dun documento no que se desenvolve máis polo miúdo este tema. Aquí tedes o enlace ao citado documento:

https://drive.google.com/file/d/1tyxcuZXHjb6YDErRcJ54ucdekpl6y7_-/view?usp=sharing

En sentido amplo considérase comercio de proximidade o que se da na localidade e na súa contorna máis inmediata. Por outra banda, prescindindo de matizacións que deixo para que as faga quen lea isto, pódese dicir de maneira simplificada que existe autoconsumo cando as producións obtidas na unidade agraria se destinan a alimentar ás persoas que forman parte da mesma. A pesar de que na nosa terra non está moi considerado por certos sectores da sociedade, o autoconsumo é defendido e mesmo reivindicado por varias autoras, autores e organizacións. Este é caso de Aurora Soria que, ao analizar o contexto agrario, rural e campesiño en Portugal, indica que falar de autoconsumo é falar de racionalidade campesiña. Ou da "Secretaría de Agricultura y Desarrollo Rural" do Goberno de México que no ano 2020 afirmaba: "a produción de autoconsumo é unha alternativa que permite alcanzar a seguridade alimentaria no noso país".

O comercio de proximidade e o autoconsumo proporcionan á sociedade apreciábeis beneficios.
a) A agricultura de autoconsumo contribúe a facer efectivo o dereito á alimentación.
O dereito á alimentación é un dereito fundamental de todos os seres humanos segundo recoñecen entre outros a FAO (Organización das Nacións Unidas para a Alimentación e a Agricultura) e a Vía Campesiña. A pesar disto o poder impulsa un tipo de agricultura que ten como prioridade obter o máximo beneficio posíbel. En consecuencia o obxectivo de conseguir alimentar de maneira sa e suficiente a toda a cidadanía queda continuamente relegado. Un obxectivo que, pola contra,  a agricultura de autoconsumo contribúe a alcanzar porque prioriza a produción destinada a alimentar aos propios produtores e produtoras e ás persoas máis próximas.
b) O autoconsumo é fundamental para acadar a soberanía alimentaria ou polo menos para achegarse a ela. Hoxe en día a produción das hortas familiares está cubrindo unha parte moi significativa do noso consumo interior. 
c) A soberanía alimentaria leva implícito en gran medida o comercio de proximidade e viceversa. Podemos dicir que existe unha simbiose entre comercio de proximidade e soberanía alimentaria.
d) O autoconsumo e o comercio de proximidade inflúen positivamente nas condicións e na calidade de vida no medio rural. 
As pequenas unidades agrarias familiares minifundistas ou casas de labranza que producen para autoconsumo e/ou para vender no comercio de proximidade son as unidades agrarias que máis contribúen a que neste país teñamos un medio rural habitado en maior ou menor medida. E tamén son as que máis contribúen á xestión territorial do mesmo, especialmente da superficie útil para a produción agrícola e agrogandeira  e da ocupada por especies arbóreas forestais.
Desde outra perspectiva hai que dicir que a comercialización de proximidade favorece as economías locais das vilas e núcleos rurais. As feiras e mercados locais de proximidade en Galiza foron fundamentais para a economía dos lugares onde se celebraban. Hoxe en día ségueno sendo alí onde se seguen realizando. E empezan a selo cando comezan a celebrarse nos lugares onde non se celebraban ben porque non existía esta tradición, ben porque se tiña perdido ou interrompido.


e) O comercio de proximidade e o autoconsumo son prácticas respectuosas co medio ambiente coas que se minimizan e incluso se eliminan os impactos ambientais ocasionados por outros tipos de agricultura. 
transporte de alimentos está causando un impacto ambiental xigantesco a nivel mundial. O comercio de proximidade contribúe a reducilo de maneira drástica e o autoconsumo mesmo o elimina. Ademais o autoconsumo e comercio de proximidade  tamén contribúen a reducir o consumo de enerxía porque, agás casos excepcionais, tanto nun caso coma no outro os froitos non teñen que pasar por cámaras de maduración nin de refrixeración.
f) O comercio de proximidade e o autoconsumo inflúen positivamente na calidade da dieta por varias razóns, entre outras:
  • porque levan implícito o feito de que se consuman produtos de tempada, un hábito moi recomendábel desde o punto de vista da saúde e da calidade da dieta xa que os alimentos se consumen no momento óptimo para aproveitar os seus valores nutritivos.
  • porque os froitos se recollen maduros diminuíndo o tempo que pasa entre a colleita e o consumo
  • porque os produtos non necesitan tratamentos para soportar longas viaxes
g) O comercio de proximidade e o autoconsumo contribúen moi significativamente a reducir o desperdicio de alimentos xa que cando os lugares de produción están preto dos lugares de consumo as perdas post-colleita diminúen considerabelmente.

Na miña opinión, é necesario o compromiso do conxunto da sociedade, a través da intervención da administración, para garantir a vitalidade do autoconsumo e do comercio de proximidade posto que, como acabo de explicar, proporcionan á sociedade apreciábeis beneficios.





  CADULLO: Cada un dos sucos que se aran de través, por non chegar o arado ás estremas dunha leira  ( RAG ) A continuación tedes sete artigo...