SE O AUTOCONSUMO CONTARA…
Xoán Carlos Carreira PérezPodedes acceder a un documento que afonda máis no tema que se aborda a continuación no seguinte enlace:
Este artigo ten o mesmo título que o devandito documento e como se di alí ven sendo unha reprodución case literal do título dun libro que eu considero de obrigada lectura : “SE AS MULLERES CONTARAN. Unha nova economía feminista” de Marilyn Waring.
Seguindo a mesma liña argumental apuntada por Fernando Oliveira Baptista no seu libro “Agricultura e territórios” podemos afirmar que o interese por levar un modo de vida determinado do que case sempre forma parte o autoconsumo é un dos factores que inflúe de maneira importante na decisión que toman as persoas de manter a súa residencia no medio rural ou incluso de establecela por primeira vez. Así pois, ao meu entender, o autoconsumo contribúe significativamente a que neste país exista unha porcentaxe de poboación rural que, como expuxen noutro artigo, está entre as máis altas dos países da nosa contorna e das comunidades autónomas do Estado Español.
Por outra banda, a produción para autoconsumo ten como principal obxectivo alimentar ás propias produtoras e produtores e ás persoas máis próximas e polo tanto contribúe a acadar a soberanía alimentaria. Pero non é o mesmo que esa contribución sexa máis grande ou máis pequena. E por iso, desde o meu punto de vista, ten moito interese analizar a súa importancia cuantitativa.
Vou realizar esta análise da importancia que ten a produción de autoconsumo, especialmente no caso da importancia económica, establecendo comparacións co sector lácteo, o de maior peso económico dentro da agricultura e gandería de Galiza, o que máis contribúe á súa Produción Final Agraria. Desta maneira pretendo facer máis evidente a relevancia que ten a produción das hortas familiares incluída a destinada ao autoconsumo.
Eu estimo que a produción das hortas familiares cubriría sobradamente todo o consumo de feixóns, pementos, tomates, mazás e kiwis que fai o conxunto da cidadanía galega e posibelmente tamén o de repolos. Cubriría ademais arredor da metade da demanda de patacas, leitugas, cebolas, cereixas e guindas que existe en Galiza e unha porcentaxe menor pero significativa do total de cenorias, pexegos e peras consumidas neste país.
Así pois, unha parte importante das necesidades de alimentos que existen en Galiza son satisfeitas a través da produción das hortas familiares de autoconsumo.
Cuantificar a cantidade de residentes no medio rural que cultivan hortas familiares é difícil porque non hai fontes de información ao respecto ás que se poida acceder libremente. Pero algúns datos indirectos como o número de vivendas nos concellos con menos de 2.000 habitantes, a superficie das hortas familiares e as unidades de traballo necesarias para cultivar unha hectárea de horta, permiten intuír que na produción para autoconsumo están implicadas un número de persoas moi considerábel que probabelmente é moito maior do que pensan a gran maioría das galegas e dos galegos. E que, en todo caso, é claramente superior ás aproximadamente 16.000 persoas implicadas na produción de leite (estimación feita a partir dos datos da “Encuesta sobre la estructura de las explotaciones agrícolas” do ano 2016).
A continuación vou analizar os recursos económicos que proporcionan as hortas familiares de autoconsumo e, como dixen, vou comparalos cos recursos económicos que proporciona o sector lácteo. Eu considero que o máis adecuado é analizar os recursos económicos netos é dicir, simplificando, o valor da produción menos a contía dos gastos necesarios para obtela, porque eses son os recursos económicos, fundamentalmente os cartos, que realmente quedan para quen produce.
Para valorar a produción das hortas familiares de autoconsumo multipliquei as producións obtidas polos prezos aos que terían que pagalas as consumidoras e consumidores. Pois ben, tendo en conta isto, a miña estimación é que o valor da produción das hortas familiares de autoconsumo oscila, máis ou menos, entre 360 e 503 millóns de euros mentres que o da produción do sector lácteo alcanza aproximadamente uns 1.100 millóns de euros. Con estes datos a maioría das persoas concluirían que a importancia económica das hortas familiares é moito menor, pero se en lugar de analizar o valor da produción analizamos os recursos económicos netos proporcionados talvez as conclusións sexan diferentes.
Os recursos económicos netos que achegan as hortas familiares de autoconsumo ás campesiñas e campesiños (entre 306 e 427 millóns de euros aproximadamente) superan, aínda que sexa por pouco, aos recursos económicos netos que achega o sistema agrogandeiro comercial ás explotacións dedicadas á produción de leite (máis ou menos entre 199 e 302 millóns de euros). En todo caso, se non queremos entrar en matices podemos afirmar sen risco de equivocarnos que a produción de leite e as hortas familiares de autoconsumo proporcionan a quen produce recursos económicos netos practicamente equiparábeis.
Concluíndo, a magnitude e a importancia económica da produción das hortas familiares destinada ao autoconsumo está fóra de toda dúbida. As hortas familiares estarían cubrindo unha parte moi substancial do noso consumo interior de certos produtos e a súa importancia económica é moi considerábel, practicamente equivalente á do sector lácteo considerado como o máis relevante do noso sistema agrario.
Así pois sería conveniente e necesario para o sistema agrario e para toda Galiza dedicar ás hortas familiares que producen para autoconsumo a atención que merecen e facer políticas agrarias que favorezan e mesmo impulsen o importante papel que cumpren no noso país.