É POSIBEL ACHEGARSE Á SOBERANÍA ALIMENTARIA SEGUINDO SISTEMAS DE PRODUCIÓN EXTENSIVOS ?
Xoán Carlos Carreira PérezComo xa é habitual neste blog, se vos interesa podedes acceder ao documento titulado da mesma maneira que o presente artigo no seguinte enlace:
Estes últimos meses actualicei os datos que teño ofrecido hai algún tempo sobre as posibilidades de acadar a soberanía alimentaria en Galiza. E esta actualización confirma o diagnóstico feito no seu día. Algúns cultivos e/ou aproveitamentos estarían ocupando moita máis superficie da que se precisa para cubrir todas as necesidades dos mesmos que ten a cidadanía galega. Este é o caso especialmente daqueles que sustentan xunto cos pensos o monocultivo exportador do leite, é dicir, os cultivos forraxeiros e prados. Pero tamén é o caso das patacas, da froita e dos produtos hortícolas. Por outra banda algúns cultivos como o trigo e o centeo non dispoñen da superficie que se necesitaría para cubrir toda a demanda destes cereais que existe no país. Ao facer un balance entre a superficie de máis da que dispoñen unhas producións e a superficie de menos da que dispoñen outras constátase que na actualidade Galiza no seu conxunto dispón da suficiente superficie útil para a produción agrícola e agrogandeira para achegarse moito á soberanía alimentaria e quen sabe se para alcanzala.
Este diagnóstico hai que contextualizalo tendo en conta tres cuestións:
a) sempre haberá produtos ou alimentos, fundamentalmente nas froitas e hortalizas, dos que non nos poidamos autoabastecer por distintos motivos. Ben porque en Galiza non se poden cultivar ben porque só se poden cultivar en zonas moi restrinxidas e/ou con moi baixos rendementos ben porque as épocas de consumo son moito máis longas que as tempadas de produción na nosa terra ben por outras razóns.
b) os hábitos de consumo poden ir cambiando co paso do tempo e, en consecuencia, tamén pode acontecer o seguinte:
- que varíe a cantidade de produtos e/ou alimentos consumidos fóra das tempadas de produción no país.
- que varíen os balances entre produción e necesidades de alimentos.
c) nalgúns casos os sistemas produtivos actuais non son demasiado respectuosos co medio ambiente.
A soberanía alimentaria é un obxectivo moi importante, transcendental e digno de encomio pero forma parte dunha proposta máis global para que os alimentos sexan nutritivos, culturalmente adecuados, accesíbeis e producidos de forma sustentábel e ecolóxica, ou mellor agroecolóxica. Por iso, ao meu entender, a soberanía alimentaria debe ir moi unida a esta forma de producir. Pero pode haber quen pense que isto imposibilitaría a consecución do autoabastecemento do país porque talvez conduciría a unha redución da produción. Imos ver, xa que logo, se é posíbel achegarse á soberanía alimentaria con sistemas produtivos máis respectuosos co medio ambiente.
Desde o meu punto de vista, uns sistemas produtivos na gandería e concretamente na gandería de herbívoros que sexan máis sustentábeis e agroecolóxicos necesariamente deben ser máis extensivos. Isto implicaría, na miña opinión, dedicar menos superficie da que se lle dedica actualmente ao cultivo do millo forraxeiro, moi pouco respectuoso co medio ambiente e reducir moi substancialmente o consumo de penso, moito del elaborado con materias primas que necesitan ser transportadas desde países situados a varios miles de quilómetros de distancia.
A produción de leite e carne de vacún en Galiza faise na actualidade coas seguintes cargas gandeiras :
- unhas 2,4 UG/ha, aproximadamente, no caso do gando vacún de leite.
- arredor de 1,2 UG/ha no caso do gando vacún de carne.
No caso do gando ovino-caprino a carga gandeira está un pouco por debaixo da indicada para o gando vacún de carne.
Mais: cal sería a situación no caso de que se seguiran sistemas de produción que se puideran cualificar de maneira inequívoca como extensivos con cargas gandeiras considerabelmente máis baixas ?
Pois ben, para contestar a esta pregunta decidín analizar varios supostos que encaixaran no tipo de sistema produtivo que se describe na mesma. E talvez permita contestala, ou polo menos axude a facelo, o exemplo que vou dar a continuación.
Supoñamos un sistema produtivo extensivo no que as cargas gandeiras foran:
- 0,7 UG/ha no caso do gando vacún de leite.
- entre 0,7 UG/ha e 0,9 UG/ha tanto no caso do gando vacún de carne como no caso do gando ovino e caprino.
Neste suposto a superficie da que se dispón hoxe en día en Galiza para alimentar ao gando herbívoro seguiría sendo claramente superior á superficie que se necesitaría con este sistema produtivo extensivo para cubrir toda a demanda de alimentos procedentes das vacas, ovellas e cabras que existe no noso país.
E unha vez cubertas todas as necesidades da xente que vive en Galiza aínda quedaría dispoñíbel entre un 9% e un 35% da superficie de pradeiras, prados e pasteiros que se está utilizando actualmente. En relación con isto atreveríame a facer unha proposta deixando claro que só é unha proposta que pode tomarse ou non en consideración: destinar a superficie de pradeiras, prados e pasteiros que aínda quedaría dispoñíbel unha vez cubertas todas as necesidades da xente que vive en Galiza ben a facer aínda máis extensivos os sistemas produtivos do gando vacún de carne e do gando ovino e caprino ben a producir para exportar.
Polo que respecta á obtención de alimentos de orixe vexetal para consumo humano directo, hai que dicir que adoptar prácticas agroecolóxicas non ten por que implicar descensos na produción e non sería temerario supoñer que os rendementos actuais poderían manterse. En calquera caso coa superficie actualmente destinada aos cultivos hortícolas, ao cultivo de patacas e ás froiteiras aínda se seguiría garantindo a soberanía alimentaria mesmo con reducións de rendementos de ata un 80% no caso da horta, de ata un 68% no caso do cultivo de patacas e de ata un 17% no caso das froiteiras.
Concluíndo, as condicións naturais do noso país (edafolóxicas, climáticas, orográficas, etc. ) permitiríanlle a Galiza alcanzar un alto grao de soberanía alimentaria naqueles alimentos que se poden producir na nosa terra asumindo o campesiñado galego a produción dos mesmos de forma sustentábel e agroecolóxica. No caso dos alimentos procedentes do gando herbívoro seguindo sistemas de produción extensivos, considerabelmente máis extensivos que os actuais. E no caso dos alimentos de orixe vexetal destinados ao consumo humano directo adoptando prácticas próximas ás da agroecoloxía, entre outras reducindo significativamente ou mesmo eliminando, se é posíbel, a utilización de fertilizantes, pesticidas, herbicidas e outros insumos químicos de síntese.
Así pois, na miña opinión, Galiza (a cidadanía galega) pode conseguir de forma simultánea dous logros moi importantes: por unha banda ter un elevado nivel de soberanía alimentaria e por outra banda facer da agroecoloxía a clave de bóveda do seu modelo agrario. E cando falo desta clave de bóveda inclúo as unidades agrarias que se sitúan claramente dentro do ámbito da agroecoloxía e tamén aquelas outras que se aproximan significativamente á mesma, especialmente as pequenas unidades produtivas familiares minifundistas que configuran a agricultura tradicional.