ATA ONDE É POSÍBEL SATISFACER AS NECESIDADES DE ALIMENTOS DA CIDADANÍA GALEGA A TRAVES DO COMERCIO DE PROXIMIDADE ?
Xoán Carlos Carreira PérezAntes de nada: xa sabedes que podedes acceder a un documento que aborda máis profunda e extensamente o tema que se trata no presente artigo. Podedes facelo no seguinte enlace:
Para analizar en que medida a cidadanía establecida en Galiza pode abastecerse de alimentos a través do comercio de proximidade vou distinguir por unha banda a situación das producións vexetais destinadas a consumo humano directo e por outra banda a situación das producións que proveñen do gando herbívoro. Deixo fóra desta análise aquelas producións que son máis propias da gandería industrial, un sistema produtivo que, desde o meu punto de vista, non foi ideado nin desenvolto para comercializar en proximidade.
Habitualmente as producións gandeiras antes de ser consumidas teñen que ser procesadas dunha maneira máis ou menos complexa nunha industria agroalimentaria.
Semella que non sería moi difícil cos medios tecnolóxicos dos que se dispón hoxe en día decidir cal é a mellor opción para situar as industrias que procesen as producións gandeiras. E a partir de aquí, non hai dúbida de que a vontade política e un orzamento adecuado permitirían facela viábel na realidade.
Non obstante, o tamaño destas agroindustrias pode ser un tema máis controvertido. Na miña opinión se en lugar de ter como prioridade a obtención do máximo beneficio o prioritario fora servir á sociedade, desde os poderes públicos poderíase impulsar ou crear directamente unha rede de pequenos matadoiros, pequenas salas para despezar e pequenas instalacións para envasar leite e elaborar derivados lácteos como queixos e iogures entre outros. E se cadra tamén sería posíbel incluír nela outras industrias menos habituais dun tamaño non moi grande que estea en consonancia co tamaño das que acabo de citar. Esta rede de pequenas industrias agroalimentarias favorecería claramente a práctica do comercio de proximidade.
Compre ter presente que as unidades agrarias que producen leite tamén poden ou poderían elaborar queixos, iogures e outros alimentos lácteos e ademais vendelos. E isto habería que telo en conta á hora de decidir o número e as características das pequenas industrias agroalimentarias que constitúan a rede da que acabo de falar. E habería que telo en conta porque esta rede non necesitaría cubrir toda a demanda que existe de derivados lácteos no caso de que unha parte da mesma fora cuberta directamente por unidades agrarias que os elaboren. Iso, claro está, sempre que non se lles impida facelo.
Na análise da capacidade que ten Galiza de abastecer á súa poboación residente a través do comercio de proximidade vou seguir a metodoloxía proposta por varias autoras e autores que consiste en estudar as concas ou bacías alimentarias. Zumkehr e Campbell definen a bacía alimentaria como a área xeográfica na que os alimentos se producen e consumen e na que se da unha sinerxía entre a sustentabilidade do agroecosistema, a economía rural e a seguridade alimentaria. Eu considero que en Galiza o máis axeitado é definir as bacías alimentarias a partir da división comarcal do territorio.
Nas bacías alimentarias analicei cal é a situación actual pero esta pode evolucionar negativa ou positivamente (en relación co que estamos falando) en función das modificacións que se produzan nas superficies dedicadas a cada cultivo e/ou aproveitamento. Modificacións provocadas ou incentivadas por distintos factores, entre eles un de grande importancia: as políticas agrarias.
Agora ben, a situación actual é o punto de partida e coñecela permite avaliar as posibilidades de conseguir a través do comercio de proximidade o total abastecemento da xente que vive na bacía alimentaria ou, en todo caso, o máximo nivel de abastecemento que sexa posíbel alcanzar. E a partir de aquí pódense deseñar e poñer en práctica as medidas máis adecuadas. Nas liñas anteriores falo, obviamente, do abastecemento daqueles alimentos que se poidan producir dentro da bacía alimentaria.
Tan só considerei unha variante respecto da situación actual: á hora de facer os cálculos supuxen que os sistemas produtivos son respectuosos co medio ambiente. Desde o meu punto de vista, no caso concreto do gando herbívoro este suposto vai inseparabelmente unido a outro: o suposto de que os sistemas de produción son extensivos. Ao meu entender é practicamente imposíbel que un sistema de produción do gando herbívoro sexa respectuoso co medio ambiente se non é extensivo. Dito doutra maneira que non sexa tan tallante: se un sistema de produción do gando herbívoro non é extensivo é case imposíbel que sexa respectuoso co medio ambiente.
A primeira análise foi feita considerando que as bacías alimentarias están conformadas por unha soa comarca, é dicir que cada comarca é en si mesma unha bacía alimentaria.
Pois ben, de acordo con esta análise, o 97% das galegas e dos galegos poderían abastecerse de produtos hortícolas incluídos os froitos de horta dentro da comarca na que residen. O 58% poderían facelo de patacas e o 53% de froita (daquela que se pode producir na nosa terra).
No caso dos cereais obsérvase unha situación diferente. Unicamente o 3% das persoas que viven neste país poderían abastecerse de trigo dentro comarca onde residen. Enténdase do trigo necesario para elaborar os produtos consumidos por estas persoas nos que este cereal intervén como materia prima ( pan, galletas, bolaría, pasta, etc. ).
A porcentaxe de comarcas totalmente autoabastecidas de produtos que proveñen do gando herbívoro é moi elevado (81%) pero a porcentaxe de habitantes de Galiza que poderían abastecerse totalmente destes produtos dentro da súa comarca non chega ao 50%. Isto é debido a que as comarcas que non están totalmente autoabastecidas, agás excepcións, coinciden coas máis poboadas.
Para complementar estes resultados e afondar neles, a segunda análise foi realizada considerando que o comercio de proximidade que permite cubrir as necesidades de alimentos das persoas que viven nas cidades e nas súas contornas urbanas debe estenderse a bacías alimentarias conformadas por varias comarcas.
Así pois, analicei as bacías alimentarias das cidades galegas e as súas contornas urbanas e constatei o seguinte.
Nas bacías alimentarias que permiten satisfacer todas as necesidades de patacas, froitas e produtos hortícolas (incluídos os froitos de horta) as distancias máximas que teñen que percorrer os alimentos desde os lugares de produción aos lugares de consumo son en xeral relativamente pequenas. Oscilan entre 15 km na bacía alimentaria da cidade de Ourense e 71 km na bacía alimentaria da aglomeración urbana de Ferrol-A Coruña.
Máis grandes, aínda que sen superar os límites do comercio de proximidade, son as distancias máximas que teñen que percorrer os alimentos desde os lugares de produción aos lugares de consumo nas bacías alimentarias que permiten cubrir por completo a demanda de produtos que proveñen do gando herbívoro ( leite, carne de vacún, carne de ovino e carne de caprino). Oscilan entre 36 km na bacía alimentaria de Santiago de Compostela e 137 km na bacía alimentaria da aglomeración urbana de Vigo-Pontevedra.
En todo caso hai que dicir que calquera grao de abastecemento que se consiga a través do comercio de proximidade é moi positivo xa que reducirá en igual cuantía as importacións que se fan de alimentos, ás veces percorrendo miles de quilómetros. Por exemplo, as persoas que viven nas cidades de Vigo e Pontevedra e na súas contornas urbanas poderían cubrir o 50% das súas necesidades de consumo de leite e carne de vacún co que producen unidades agrogandeiras situadas a menos de 80 km da súa residencia.
En conclusión: potencialmente a xente deste país podería satisfacer a maioría das súas necesidades de alimentos a través do comercio de proximidade. Comercio de proximidade que pode cinguirse á súa propia comarca ou estenderse á bacía alimentaria dunha cidade e a súa contorna urbana no caso de que teña alí a súa residencia. Falo, insisto, daquilo que se pode producir na nosa terra.
Así pois, actualmente a situación de Galiza é un bo punto de partida para alcanzar un elevado nivel de soberanía alimentaria a través do comercio de proximidade. Para conseguir isto son necesarias, entre outras cousas, políticas agrarias adecuadas. Agora ben, para decidir cales deberían ser estas políticas é imprescindíbel un debate en profundidade. E canto antes se comece a dar mellor.
Xa que logo, vou dar a miña opinión ao respecto sen máis pretensión que contribuír a este debate e facer achegas que só aspiran a formar parte dunha chuvia de ideas.
Como vimos en parágrafos anteriores, nas bacias alimentarias constátase que non todos os cultivos e/ou aproveitamentos se encontran na mesma situación no que concirne ao balance entre produción e consumo. Tendo en conta isto talvez sería conveniente aplicar medidas de política agraria diferentes. Así pois o que compre é analizar cales desas medidas son as máis adecuadas para implementar en cada situación.
Por unha banda existen producións ás que se lles dedica máis superficie da que se precisa para cubrir todas as necesidades de consumo das mesmas. Nestes casos para conseguir que toda a xente que o desexe acceda ás devanditas producións as políticas agrarias deberían centrarse na cadea de intermediarios e intermediarias que existe entre as persoas produtoras e as persoas consumidoras e no percorrido seguido polos alimentos ata chegar a estas. Certo é que na comercialización de proximidade normalmente o número de entidades ou persoas intermediarias é mínimo e as distancias son cortas pero moitas veces aínda sería posíbel reducir tanto unhas coma outras, mellorar as características do trazado das vías polas que van os alimentos e/ou as condicións en que se encontran e mesmo conseguir que a cadea de intermediarios e intermediarias funcione mellor, é dicir, que non rebaixe a calidade dos produtos, que cobre menos a quen consume e que pague máis a quen produce.
Por outra banda tamén existen producións ás que, pola contra, se lles dedica menos superficie da que se precisaría para cubrir todas as necesidades de consumo das mesmas. Nestes casos as políticas agrarias deberían centrarse en lograr un aumento da superficie dedicada ás producións deficitarias mediante a incorporación de novas terras á superficie agraria e/ou mediante a modificación de usos na actualmente existente.