AGROECOLOXÍA, AGRICULTURA TRADICIONAL E NOVO SISTEMA AGRARIO EN GALIZA

                                                                                                  Xoán Carlos Carreira Pérez


Podedes acceder a un documento que afonda máis no tema que se aborda neste artigo seguindo este enlace:

A continuación vou facer unha síntese do devandito documento.


Para un número de persoas nada desprezábel agroecoloxía e agricultura ecolóxica significan o mesmo. Pero non é así. 
A agricultura ecolóxica é un conxunto de técnicas agrícolas e gandeiras caracterizadas pola non utilización de insumos químicos de síntese como fertilizantes, pesticidas, herbicidas, antibióticos, etc. ( E. Moyano ). A posta en práctica destas técnicas é un avance, pero diversas autoras, autores e organizacións considérano insuficiente. Por iso defenden e impulsan a agroecoloxía.  Así, unha persoa de tanto prestixio como o profesor da universidade de Berkeley Miguel A. Altieri considera que ademais de utilizar técnicas agrícolas e gandeiras ecolóxicas ou respectuosas co medio ambiente hai que incorporar unha compoñente social. Na mesma liña a Vía Campesiña entende a agroecoloxía como un enfoque tecnolóxico subordinado a obxectivos políticos profundos, en definitiva, como unha forma de vivir, loitar e resistir contra o capitalismo. E para a FAO (Organización das Nacións Unidas para a Alimentación e a Agricultura), a agroecoloxía é simultaneamente unha disciplina científica, un conxunto de prácticas e un movemento social.

O sistema agrario tradicional do noso país caracterizado polo minifundio é percibido maioritariamente pola cidadanía galega como un sistema atrasado que necesita modernizarse. Non obstante como xa se explicaba hai uns dez anos no libro "o pequeno é grande", sempre existiron persoas moi cualificadas que defenderon este sistema tradicional minifundista por razóns de peso e con sólidos argumentos. Este é o caso de Valenzuela Ozores na segunda metade do século XIX ou de Valeriano Villanueva, un dos mais importantes divulgadores agrarios de Galiza nos inicios do século XX.
Ao meu entender podería ser ilustrativo e mesmo útil analizar cales son as semellanzas e as diferenzas do noso sistema agrario tradicional cos distintos tipos de agricultura que actualmente existen no mundo, en especial con aqueles que procuran ser respectuosos co medio ambiente. Así pois comparei as características da agricultura practicada polas labregas e labregos neste sistema tradicional cos principios agroecolóxicos básicos propostos por Reijntjes e outros/as así como cos elementos establecidos pola FAO como guía para as transicións agroecolóxicas. E estas comparacións, desde o meu punto de vista, permiten afirmar que as pequenas unidades agrarias familiares de Galiza non están lonxe da agroecoloxía. Eu case me atrevería a dicir que máis ben están próximas a ela.     
Na miña opinión as unidades agrarias familiares minifundistas deste país introducindo algunhas pequenas modificacións no seu sistema produtivo estarían en disposición de situarse á vangarda das novas ideas sobre o papel da agricultura, as máis actuais e progresistas que se abren paso hoxe a nivel mundial. Sempre, claro está, que o proxecto social e económico contemple este obxectivo e que se tomen as medidas políticas adecuadas para alcanzalo.
De feito como se asegura no libro anteriormente citado, "o pequeno é grande", apoiándose en Victor Toledo e recollendo unha cita de Miguel A. Altieri: a estrutura xeral do minifundio galego seméllase moito ao que hoxe en dia se considera agroloxicamente ideal, xa que a multifuncionalidade só emerxe cando as paisaxes están dominadas por centos de leiras pequenas e biodiversas que poden producir moito máis por unidade de superficie que as grandes extensións.

Ao meu entender é imprescindíbel camiñar cara un novo modelo agrario en Galiza. Este novo modelo agrario debería ter a agroecoloxía e a agricultura tradicional como dous dos seus eixos básicos. Se alguén ten medo de que a produción diminúa hai que dicir que xa hai algúns anos distintos autores (Rosset, Badgley e colaboradores/as ou Dufumier, entre outros) puxeron de manifesto que as pequenas e medianas propiedades familiares teñen demostrado ser máis eficientes que outros tipos de explotacións agrícolas. E que os sistemas orgánicos producen máis por ha que os sistemas convencionais nos países en desenvolvemento e o mesmo nos países desenvoltos


Este novo modelo agrario na miña opinión debería:
  • estar máis centrado en satisfacer as necesidades propias que na exportación.
  • alcanzar o maior nivel de soberanía alimentaria que lle permitan as condicións naturais (edafolóxicas, climáticas, orográficas, etc.)
  • acadar o máximo autoabastecemento posíbel da poboación a través do comercio de proximidade.
  • integrar produción e conservación.
  • valorar a crucial importancia que teñen tanto as unidades agrarias que practican a agroecoloxía como as casas de labranza ou pequenas unidades agrarias familiares minifundistas que practican unha agricultura tradicional. E, xa que logo, actuar en consecuencia.
  • ser capaz de conseguir que as produtoras e produtores obteñan unha remuneración xusta polo seu traballo e ao mesmo tempo que toda a cidadanía que o desexe poida acceder física e economicamente a alimentos sans e nutritivos.
No caso de que se opte polo novo modelo agrario do que estou falando, o noso país dispón dos recursos e dos espazos territoriais necesarios e adecuados para acollelo e desenvolvelo. Hai suficiente superficie útil para a produción agrícola e agrogandeira para alcanzar un elevado nivel de soberanía alimentaria.
E isto sería posíbel conseguindo ao mesmo tempo tres logros moi beneficiosos para a sociedade e o medio ambiente.
  • o primeiro: cubrir a maior parte das necesidades de alimentos da poboación, mesmo a totalidade no caso dalgúns produtos, a través do comercio de proximidade.
  • o segundo: obter os alimentos que teñen a súa orixe no gando, fundamentalmente no gando herbívoro, a través dun sistema produtivo considerabelmente máis extensivo e respectuoso co medio ambiente que o que se segue na actualidade.
  • o terceiro: obter as producións vexetais destinadas a consumo humano directo seguindo tamén sistemas de produción respectuosos co medio ambiente, entre outras cousas evitando o uso de agrotóxicos ou, no caso de que non se puidera evitar totalmente, limitándoo o máximo posíbel.
Se tiveramos máis confianza en nós mesmas, en nós mesmos e na nosa propia capacidade, en lugar de tratar de imitar modelos alleos que posibelmente dentro de pouco xa estarán caducos talvez nos atreveriamos a dicir: mirade para aquí, mirade para Galiza, o modelo axiña imos ser nós; xa estamos no camiño.









  CADULLO: Cada un dos sucos que se aran de través, por non chegar o arado ás estremas dunha leira  ( RAG ) A continuación tedes sete artigo...