DEBATES QUE ACTUALMENTE SE ESTÁN DANDO A NIVEL MUNDIAL SOBRE O PAPEL DA AGRICULTURA.
Xoán Carlos Carreira PérezSe queredes afondar no tema que se aborda neste artigo, tedes á vosa disposición un documento onde talvez poidades facelo. Este é o enlace ao mesmo:
Cal debe ser o papel da agricultura no século XXI ?
Neste debate global que se está dando a nivel mundial inclúense unha serie de debates parciais.
Empezarei polo debate sobre a soberanía alimentaria.
Jean Ziegler e Olivier De Schutter foron relatores especiais da ONU sobre o dereito á alimentación e Jacques Diouf foi director xeral da FAO (Organización das Nacións Unidas para a Alimentación e a Agricultura). Os tres exerceron estas responsabilidades durante varios anos. E os tres opinan que a fame e a mala nutrición de millóns de persoas no mundo non é debido a que exista un problema de superpoboación ou a que a produción de alimentos sexa insuficiente senón á desigualdade na distribución destes alimentos e á falta de accesibilidade aos mesmos. Pola súa parte Miguel A. Altieri indica que tamén contribúen á existencia de fame e mala nutrición no planeta as políticas de substitución de cultivos para alimentar á poboación por monocultivos exportadores.
Os monocultivos exportadores implantados nos países con dependencia económica de tipo colonial causaron graves danos ambientais e provocaron a desaparición de formas tradicionais de produción. Por iso, entre outros motivos, desde hai máis de vinte e cinco anos a Vía Campesiña defende a soberanía alimentaria entendida como "o dereito dos pobos, dos seus Países ou Unións de Estados a definir a súa política agraria e alimentaria sen dumping fronte a países terceiros".
Como explico no documento ao que podedes acceder no enlace indicado ao comezo deste artigo a soberanía alimentaria, que xera un intenso debate e vai gañando adhesións a medida que pasan os anos, non é sinónimo nin de autarquía nin de seguridade alimentaria. Aquí vou facer unha breve síntese desta explicación.
A autarquía é un sistema económico baseado na idea de que un país debe vivir única e exclusivamente cos recursos dos que dispón. Pola súa banda a soberanía alimentaria ten como obxectivo prioritario satisfacer as necesidades de alimentos da cidadanía do propio país pero, unha vez cuberta esta prioridade, non está en contra de intercambios con outros países sempre que se dean no marco dun comercio internacional xusto.
A seguridade alimentaria pretende conseguir que todas as persoas, en todo momento, teñan acceso físico e económico a suficiente alimento, seguro e nutritivo pero non entra a valorar ou analizar como se pode lograr isto. Pola contra, a soberanía alimentaria amplía este obxectivo e ademais fai propostas concretas de como alcanzalo.
No debate sobre a relación entre agricultura e biodiversidade existen dúas posturas moi diferentes.
Algúns autores e autoras defenden a separación entre conservación e produción (“land sparing”) e a “intensificación sustentábel”. Desde o seu punto de vista é necesario incrementar a produción para poder alimentar á poboación mundial. E propoñen lograr este incremento mediante unha intensificación que levaría a aumentar a produtividade da agricultura. Desta maneira consideran que habería que utilizar menos terra para conseguir o obxectivo de alimentar a toda a poboación do planeta e iso permitiría liberar máis terras para conservar a biodiversidade.
Non obstante, cualificados estudosos e estudosas estiman que o mundo xa produce suficiente alimento para nutrir a poboación esperada nas próximas décadas. Como xa vimos anteriormente ao falar de soberanía alimentaria, nesta liña están persoeiros de tanto prestixio como Jean Ziegler, Olivier De Schutter ou Jacques Diouf que consideran que no mundo non existe un problema de déficit na produción de alimentos senón un problema de inxustiza e falta de equidade no acceso aos mesmos. E non son as únicas persoas que opinan así.
Distintos autores, autoras e organizacións cuestionan a estratexia do “land sparing” e da “intensificación sustentábel”. A Vía Campesiña non cre que esta teña o obxectivo de aumentar o rendemento por unidade de superficie, senón que o que pretende é enmascarar cun perfil verde a produción industrializada a gran escala.
Estes autores e autoras consideran que se pode integrar produción e conservación ( "land sharing" ) e defenden unha agricultura alternativa, diversa e agroecolóxica que manteña a biodiversidade a nivel da paisaxe.
Un debate de gran transcendencia, é o que existe sobre a relación entre o tamaño das explotacións e a produtividade na agricultura. P. Rosset indica que a nivel mundial hai tres modelos. Nun deles as unidades agrarias máis pequenas son as que máis producen por unidade de superficie. Noutro, as unidades agrarias máis produtivas non son as menor tamaño, pero non deixan de ser pequenas unidades agrarias. No terceiro, característico dos países industrializados, aínda que o patrón é menos claro semella que son as unidades agrarias cun tamaño medio as que acadan a máxima produtividade.
Outro debate importante é sobre a multifuncionalidade da agricultura, un concepto que pode ser interpretado desde perspectivas ideolóxicas moi diferentes. En todo caso semella que existe un consenso bastante amplo a nivel mundial en considerar á agricultura como unha actividade que ademais de alimentos, forraxes, fibras, etc., “produce” servizos fundamentais para a sociedade: servizos ambientais, de conservación da biodiversidade, da paisaxe ou do patrimonio cultural material e inmaterial, entre outros. Non obstante nin o mercado nin a administración poden valorar economicamente moitos destes servizos. Máis ben non os queren valorar porque non é imposíbel facelo. De feito existen distintas propostas para remunerar a multifuncionalidade da agricultura.
Outra controversia que se está xeneralizando a nivel mundial é entre quen sostén que hai que aumentar o consumo de alimentos vexetais e quen defende o consumo de alimentos de orixe animal.
Un número crecente de investigacións permiten concluír que os alimentos de orixe animal teñen maior impacto ambiental que os de orixe vexetal, pero non se poden facer análises demasiado simplistas porque estes dous tipos de alimentos cumpren funcións moi diferentes na nosa dieta nutricional.