A GALIZA RURAL DE HOXE:
POBOACIÓN E CARACTERÍSTICAS

Xoán Carlos Carreira Pérez



Se vos interesa o tema que se trata no presente artigo podedes acceder a un documento que o aborda máis ampla e profundamente seguindo este enlace :

https://drive.google.com/file/d/1TVfoU2FWH8V15kOUJVW7clF7Xh_RcrO1/view?usp=sharing

Aínda que nos pareza que xa coñecemos de sobra o medio rural galego e que polo tanto non paga a pena deterse en analizalo, desde o meu punto de vista si é importante facelo porque talvez a idea que temos del xa non se corresponda coa realidade.
Por iso tratarei de determinar cal é a porcentaxe  de poboación rural na actualidade, algo nada doado por certo, e despois intentarei analizar entre outras cousas en que sectores económicos traballa esta poboación, cal é o seu nivel de envellecemento e cal é a súa taxa de inactividade.

Que se entende por rural ? É difícil contestar a esta pregunta porque a definición de rural varía duns autores a outros, dunhas organizacións a outras ou dunhas administracións a outras. Varía en definiva en función da ideoloxía e da forma de enfocar o tema que ten cadaquén. E ás veces varía moito. 
Pola miña parte vou definir o rural de tres formas diferentes. A primeira está baseada na análise do panorama rural-urbano feito polo Instituto Galego de Estatística (IGE). A segunda e a terceira son dúas interpretacións dun dos criterios máis utilizados para clasificar os territorios como rurais ou como urbanos: o tamaño dos núcleos de poboación.
Aclarando e complementando o parágrafo anterior, hai que dicir que os criterios utilizados para determinar canta xente vive no rural e cales son as súas características foron concretamente os seguintes : 
a) considerar como poboación rural aquela que vive nas zonas que o IGE, na súa análise do panorama rural-urbano, cualifica como Zonas Pouco Poboadas (ZPP).
b) considerar como poboación rural aquela que vive en parroquias de menos de 1.000 habitantes.
c) considerar como poboación rural aquela que vive en parroquias de menos de 2.000 habitantes.

A utilización de tres criterios implica que para calquera índice ou porcentaxe que se queira calcular vanse obter tres datos normalmente diferentes. Así pois, agás excepcións,  optei por dar as estimacións que se recollen a continuación en forma dun intervalo de valores que inclúe os tres datos calculados. En calquera caso, por distintos motivos que teñen que ver coas fontes de información e co proceso de cálculo creo que habería que ser prudentes e tomar estas estimacións como aproximacións á realidade. Aproximacións que, no entanto, eu coido que se achegan moito a esta e permiten sacar conclusións que no substancial  teñen a validez que se require para facelas públicas e ser sometidas á consideración da xente deste país.  


De acordo coas miñas estimacións a porcentaxe de poboación rural de Galiza oscilaría entre o 26% e o 37%. Unha porcentaxe que está entre as máis altas dos países da nosa contorna e tamén das comunidades autónomas do Estado Español. Desde o meu punto de vista este elevado peso da poboación rural é (aínda é) un dos aspectos que nos caracteriza, nos diferencia e nos define como país.

Segundo o IGE mentres que no rural as persoas que teñen máis de 65 anos representan o 33% do total no conxunto do país representan o 26%. Por outra banda a taxa de inactividade no medio rural é dun 54%-55% mentres que de acordo coa Enquisa de Poboación Activa (EPA) do terceiro trimestre de 2023, na nosa terra a poboación inactiva representaba máis do 46% do total da poboación galega e a parada arredor do 5%. Na miña opinión, aínda que o envellecemento e a taxa de inactividade no rural son superiores ao do resto de Galiza, destes datos non pode deducirse de maneira concluínte que se apartan significativamente da media do país.

Ao analizar como se distribúe a poboación rural que está ocupada entre os distintos sectores económicos constátase que tan só traballa oficialmente no sector agrario entre o 17% e o 22% da mesma. O resto, entre o 78% e o 83%, traballa noutros sectores non agrarios: os servizos, a construción, a industria ou a pesca. No medio rural a porcentaxe de persoas que están ocupadas na construción e na industria ( o 17% e o 19% respectivamente ) é superior á do conxunto de Galiza ( o 7% e o 15% respectivamente).
Así pois non creo que me equivoque moito se digo que hoxe en día entre as persoas que viven no medio rural e teñen un traballo non son maioría as que están ocupadas na agricultura (entendida en sentido amplo: agricultura e gandería).

Entre o 23% e o 33% das e dos habitantes de Galiza que traballan nos servizos, na construción, na industria ou na pesca viven no rural. Como xa temos visto máis arriba, salienta o caso da industria e da construción. Aínda que é dificil facer estimacións eu arriscome a dicir que posibelmente vivan no rural :
  • a metade das galegas e galegos que traballan na construción e como mínimo un 38%. 
  • a terceira parte das persoas que traballan na industria.

É posíbel afirmar pois que no medio rural aséntase unha gran parte da clase traballadora galega. Nalgúns casos (non sei cuantificalos) o centro de traballo habitual destas persoas pode estar nas cidades ou nas vilas, pero é no medio rural onde teñen a súa residencia e non están alleas nin á xestión do territorio nin á actividade agraria. Esta actividade agraria ou se queremos dicilo doutra maneira, a agricultura practicada por estas persoas pode encadrarse dentro da denominada agricultura periurbana e/ou urbana. Un tipo de agricultura de gran magnitude e importancia a nivel mundial segundo constata, ademais de distintas autoras e autores, a propia Organización das Nacións Unidas para a Alimentación e a Agricultura (FAO) posto que pode implicar a uns 800 millóns de persoas de todo o mundo e pode estar cultivando entre o 15% e o 20% dos alimentos producidos en todo o planeta.

Aínda que, como tratei de demostrar máis arriba, a realidade é que unha gran maioría da xente que vive no rural e que ademais ten un traballo está ocupada en sectores económicos non agrarios, desde o meu punto de vista a agricultura é crucial para un país como o noso e absolutamente fundamental para que exista un medio rural vivo.


Nos últimos tempos desde practicamente todas as organizacións políticas dun extremo ao outro do abano ideolóxico reclámase e márcase como obxectivo “fixar” poboación no medio rural. Algo que tamén fan moitos sindicatos, os medios de comunicación, o goberno e asociacións xurdidas para chamar a atención sobre "la España vaciada".
Mais, por que o poboamento do medio rural ten que darse exclusivamente coas persoas que agora viven nel ? Entendo que existan sagas profesionais, non obstante tamén é necesaria a mobilidade social. É bo que haxa persoas labregas que son fillas de persoas labregas. Pero non comparto a idea de que sexan as únicas labregas e os únicos labregos que poidan existir no futuro, como tampouco concordo con que unha filla ou un fillo de persoas campesiñas non poidan chegar a ser, por exemplo, unha boa arquitecta ou un bo enfermeiro se así o desexan e as súas circunstancias persoais llo permiten.
O poboamento do medio rural non debería estar baseado nas habitantes e nos habitantes que se consigan “fixar”, senón nas habitantes e nos habitantes que elixan conscientemente vivir nel. Dito doutra maneira, o poboamento do medio rural debe ser froito dunha elección consciente e non unicamente o resultado de seguir unha “tradición” que non se pode romper ou de sufrir unha “maldición” como parece que nos queren dicir Fuxan os Ventos na súa canción “labregos” ( meu pai é labrego; labreguiño eu son; pasarei a vida xunguido ao terrón ). Por certo, ao meu entender esta canción non contribuíu nin a impulsar a loita labrega nin a consolidar un medio rural con vida. Eu diría que máis ben contribuíu e segue contribuíndo ao contrario. ¿Que persoa vai querer quedarse ou establecerse no rural para pasar a vida xunguida ao terrón coa expectativa de que tamén a pasen os seus fillos e fillas? Se as persoas que traballan o campo están convencidas de que levar unha vida tan dura como a dos seus antepasados/as será inevitábel ¿Cantas se van animar a participar nas loitas labregas para conseguir melloras nas condicións de vida e de traballo do campesiñado? ¿Que motivación van ter para facelo?

Se non estou trabucado Fernando Oliveira Baptista foi durante varios meses Ministro de Agricultura en Portugal despois do 25 de Abril e é autor de traballos de gran relevancia no ámbito das dinámicas socioeconómicas dos espazos rurais, da análise das políticas agrarias e dos criterios de xestión da propiedade forestal. Pois ben, segundo indica no seu libro “Agricultura e territórios” F. Oliveira Baptista considera que as pequenas unidades agrarias familiares teñen un papel de enorme importancia na ocupación do territorio porque están implantadas no mesmo cumprindo diferentes funcións e satisfacendo diferentes necesidades das distintas persoas que forman parte delas. No que respecta a Galiza: sería posíbel dicir o mesmo das casas que hai no rural? Ao meu entender probabelmente si. En especial no caso das casas de labranza, pero tamén no caso das casas vinculadas a unidades produtivas agrarias e no caso das casas que simplemente son residencias nas que vive de forma maioritaria xente traballadora. E iso contribuiría, en maior ou menor medida, a explicar por que a porcentaxe de poboación rural de Galiza é das máis altas da nosa contorna, por que os colectivos de persoas que a conforman teñen características claramente diferentes e por que persiste un número significativo de pequenas unidades agrarias familiares minifundistas ou casas de labranza cando xa hai moito tempo que unha gran parte da cidadanía as tiña condenado á desaparición.

Hai que conseguir que o medio rural sexa atractivo como lugar de residencia tanto para as persoas que actualmente xa viven en zonas pouco poboadas e/ou en pequenos núcleos de poboación como para as persoas que neste momento teñen o seu domicilio en zonas densamente poboadas e/ou en grandes núcleos urbanos (e non tan grandes).

Hai xente que pensa que neste momento o medio rural só son os restos do que foi en épocas anteriores. E intúo que non é pouca. Mesmo hai quen considera que o mundo rural está condenado á extinción e só tería interese para unha análise antropolóxica. Por exemplo a película “o que arde”, ao meu entender, está concibida, escrita e realizada desde esta forma de pensar.
Eu non comparto nada disto. O que ocorre, desde o meu punto de vista, é que seguimos tendo na cabeza a idea dun mundo rural como o que coñeciamos sen caer na conta de que hoxe xa estamos noutro tempo histórico e que o contexto cambiou. Na miña opinión, o medio rural galego que existe na terceira década do século XXI é diferente do que existiu no pasado. Agora ben, que sexa diferente non impide constatar que é moi importante desde a perspectiva territorial, que está vivo e que nel reside unha boa parte da clase traballadora galega. Expresado máis sinteticamente: na actualidade o medio rural galego xa non ten nin a mesma poboación nin as mesmas características que tiña nun pasado máis ou menos próximo pero está (segue estando) vivo e é (continua sendo) fundamental para o país.





















 DEBATES QUE ACTUALMENTE SE ESTÁN DANDO A NIVEL MUNDIAL SOBRE O PAPEL DA AGRICULTURA.

                                                                                                Xoán Carlos Carreira Pérez


Se queredes afondar no tema que se aborda neste artigo, tedes á vosa disposición un documento onde talvez poidades facelo. Este é o enlace ao mesmo:

Cal debe ser o papel da agricultura no século XXI ?
Neste debate global que se está dando a nivel mundial inclúense unha serie de debates parciais.

Empezarei polo debate sobre a soberanía alimentaria.
Jean Ziegler e Olivier De Schutter foron relatores especiais da ONU sobre o dereito á alimentación e Jacques Diouf foi director xeral da FAO (Organización das Nacións Unidas para a Alimentación e a Agricultura). Os tres exerceron estas responsabilidades durante varios anos. E os tres opinan que a fame e a mala nutrición de millóns de persoas no mundo non é debido a que exista un problema de superpoboación ou a que a produción de alimentos sexa insuficiente senón á desigualdade na distribución destes alimentos e á falta de accesibilidade aos mesmos. Pola súa parte Miguel A. Altieri indica que tamén contribúen á existencia de fame e mala nutrición no planeta as políticas de substitución de cultivos para alimentar á poboación por monocultivos exportadores.
Os monocultivos exportadores implantados nos países con dependencia económica de tipo colonial causaron graves danos ambientais e provocaron a desaparición de formas tradicionais de produción. Por iso, entre outros motivos, desde hai máis de vinte e cinco anos a Vía Campesiña defende a soberanía alimentaria entendida como "o dereito dos pobos, dos seus Países ou Unións de Estados a definir a súa política agraria e alimentaria sen dumping fronte a países terceiros".
Como explico no documento ao que podedes acceder no enlace indicado ao comezo deste artigo a soberanía alimentaria, que xera un intenso debate e vai gañando adhesións a medida que pasan os anos, non é sinónimo nin de autarquía nin de seguridade alimentaria. Aquí vou facer unha breve síntese desta explicación.
A autarquía é un sistema económico baseado na idea de que un país debe vivir única e exclusivamente cos recursos dos que dispón. Pola súa banda a soberanía alimentaria ten como obxectivo prioritario satisfacer as necesidades de alimentos da cidadanía do propio país pero, unha vez cuberta esta prioridade, non está en contra de intercambios con outros países sempre que se dean no marco dun comercio internacional xusto.
A seguridade alimentaria pretende conseguir que todas as persoas, en todo momento, teñan acceso físico e económico a suficiente alimento, seguro e nutritivo pero non entra a valorar ou analizar como se pode lograr isto. Pola contra, a soberanía alimentaria amplía este obxectivo e ademais fai propostas concretas de como alcanzalo.

No debate sobre a relación entre agricultura e biodiversidade existen dúas posturas moi diferentes. 
Algúns autores e autoras defenden a separación entre conservación e produción (“land sparing”) e a “intensificación sustentábel”. Desde o seu punto de vista é necesario incrementar a produción para poder alimentar á poboación mundial. E propoñen lograr este incremento mediante unha intensificación que levaría a aumentar a produtividade da agricultura. Desta maneira consideran que habería que utilizar menos terra para conseguir o obxectivo de alimentar a toda a poboación do planeta e iso permitiría liberar máis terras para conservar a biodiversidade.
Non obstante, cualificados estudosos e estudosas estiman que o mundo xa produce suficiente alimento para nutrir a poboación esperada nas próximas décadas. Como xa vimos anteriormente ao falar de soberanía alimentaria, nesta liña están persoeiros de tanto prestixio como Jean Ziegler, Olivier De Schutter ou Jacques Diouf que consideran que no mundo non existe un problema de déficit na produción de alimentos senón un problema de inxustiza e falta de equidade no acceso aos mesmos. E non son as únicas persoas que opinan así.
Distintos autores, autoras e organizacións cuestionan a estratexia do “land sparing” e da “intensificación sustentábel”. A Vía Campesiña non cre que esta teña o obxectivo de aumentar o rendemento por unidade de superficie, senón que o que pretende é enmascarar cun perfil verde a produción industrializada a gran escala. 


Estes autores e autoras consideran que se pode integrar produción e conservación ( "land sharing" ) e defenden unha agricultura alternativa, diversa e agroecolóxica que manteña a biodiversidade a nivel da paisaxe.

Un debate de gran transcendencia, é o que existe sobre a relación entre o tamaño das explotacións e a produtividade na agricultura. P. Rosset indica que a nivel mundial hai tres modelos. Nun deles as unidades agrarias máis pequenas son as que máis producen por unidade de superficie. Noutro, as unidades agrarias máis produtivas non son as menor tamaño, pero non deixan de ser pequenas unidades agrarias. No terceiro, característico dos países industrializados, aínda que o patrón é menos claro semella que son as unidades agrarias cun tamaño medio as que acadan a máxima produtividade.

Outro debate importante é sobre a multifuncionalidade da agricultura, un concepto que pode ser interpretado desde perspectivas ideolóxicas moi diferentes. En todo caso semella que existe un consenso bastante amplo a nivel mundial en considerar á agricultura como unha actividade que ademais de alimentos, forraxes, fibras, etc., “produce” servizos fundamentais para a sociedade: servizos ambientais, de conservación da biodiversidade, da paisaxe ou do patrimonio cultural material e inmaterial, entre outros. Non obstante nin o mercado nin a administración poden valorar economicamente moitos destes servizos. Máis ben non os queren valorar porque non é imposíbel facelo. De feito existen distintas propostas para remunerar a multifuncionalidade da agricultura.

Outra controversia que se está xeneralizando a nivel mundial é entre quen sostén que hai que aumentar o consumo de alimentos vexetais e quen defende o consumo de alimentos de orixe animal.
Un número crecente de investigacións permiten concluír que os alimentos de orixe animal teñen maior impacto ambiental que os de orixe vexetal, pero non se poden facer análises demasiado simplistas porque estes dous tipos de alimentos cumpren funcións moi diferentes na nosa dieta nutricional.










  A GALIZA RURAL DE HOXE: POBOACIÓN E CARACTERÍSTICAS Xoán Carlos Carreira Pérez Se vos interesa o tema  que se trata no presente arti...