o cadullo
CADULLO: Cada un dos sucos que se aran de través, por non chegar o arado ás estremas dunha leira ( RAG )
A continuación tedes sete artigos que resumen ou sintetizan outros tantos documentos aos que podedes acceder a través dos correspondentes enlaces.
Ao meu entender son documentos e artigos que se apartan dos tópicos e das análises habituais. Como cando quen ara fai o cadullo. E agardo que contribúan a unha reflexión en profundidade sobre o medio rural e o sistema agrario de Galiza que, na miña opinión, cada vez é máis necesaria.
A
GALIZA RURAL DE HOXE:
POBOACIÓN
E CARACTERÍSTICAS
Xoán
Carlos Carreira Pérez
Se vos interesa o tema que se trata no presente artigo podedes acceder a un documento que o aborda máis ampla e profundamente seguindo este enlace :
https://drive.google.com/file/d/1TVfoU2FWH8V15kOUJVW7clF7Xh_RcrO1/view?usp=sharing
Aínda que nos pareza que xa coñecemos de sobra o medio rural galego e que polo tanto non paga a pena deterse en analizalo, desde o meu punto de vista si é importante facelo porque talvez a idea que temos del xa non se corresponda coa realidade.
Por iso tratarei de determinar cal é a porcentaxe de poboación rural na actualidade, algo nada doado por certo, e despois intentarei analizar entre outras cousas en que sectores económicos traballa esta poboación, cal é o seu nivel de envellecemento e cal é a súa taxa de inactividade.
Que se entende por rural ? É difícil contestar a esta pregunta porque a definición de rural varía duns autores a outros, dunhas organizacións a outras ou dunhas administracións a outras. Varía en definiva en función da ideoloxía e da forma de enfocar o tema que ten cadaquén. E ás veces varía moito.
Pola miña parte vou definir o rural de tres formas diferentes. A primeira está baseada na análise do panorama rural-urbano feito polo Instituto Galego de Estatística (IGE). A segunda e a terceira son dúas interpretacións dun dos criterios máis utilizados para clasificar os territorios como rurais ou como urbanos: o tamaño dos núcleos de poboación.
Aclarando e complementando o parágrafo anterior, hai que dicir que os criterios utilizados para determinar canta xente vive no rural e cales son as súas características foron concretamente os seguintes :
a) considerar como poboación rural aquela que vive nas zonas que o IGE, na súa análise do panorama rural-urbano, cualifica como Zonas Pouco Poboadas (ZPP).
b) considerar como poboación rural aquela que vive en parroquias de menos de 1.000 habitantes.
c) considerar como poboación rural aquela que vive en parroquias de menos de 2.000 habitantes.
A utilización de tres criterios implica que para calquera índice ou porcentaxe que se queira calcular vanse obter tres datos normalmente diferentes. Así pois, agás excepcións, optei por dar as estimacións que se recollen a continuación en forma dun intervalo de valores que inclúe os tres datos calculados. En calquera caso, por distintos motivos que teñen que ver coas fontes de información e co proceso de cálculo creo que habería que ser prudentes e tomar estas estimacións como aproximacións á realidade. Aproximacións que, no entanto, eu coido que se achegan moito a esta e permiten sacar conclusións que no substancial teñen a validez que se require para facelas públicas e ser sometidas á consideración da xente deste país.
De acordo coas miñas estimacións a porcentaxe de poboación rural de Galiza oscilaría entre o 26% e o 37%. Unha porcentaxe que está entre as máis altas dos países da nosa contorna e tamén das comunidades autónomas do Estado Español. Desde o meu punto de vista este elevado peso da poboación rural é (aínda é) un dos aspectos que nos caracteriza, nos diferencia e nos define como país.
Segundo o IGE mentres que no rural as persoas que teñen máis de 65 anos representan o 33% do total no conxunto do país representan o 26%. Por outra banda a taxa de inactividade no medio rural é dun 54%-55% mentres que de acordo coa Enquisa de Poboación Activa (EPA) do terceiro trimestre de 2023, na nosa terra a poboación inactiva representaba máis do 46% do total da poboación galega e a parada arredor do 5%. Na miña opinión, aínda que o envellecemento e a taxa de inactividade no rural son superiores ao do resto de Galiza, destes datos non pode deducirse de maneira concluínte que se apartan significativamente da media do país.
Ao analizar como se distribúe a poboación rural que está ocupada entre os distintos sectores económicos constátase que tan só traballa oficialmente no sector agrario entre o 17% e o 22% da mesma. O resto, entre o 78% e o 83%, traballa noutros sectores non agrarios: os servizos, a construción, a industria ou a pesca. No medio rural a porcentaxe de persoas que están ocupadas na construción e na industria ( o 17% e o 19% respectivamente ) é superior á do conxunto de Galiza ( o 7% e o 15% respectivamente).
Así pois non creo que me equivoque moito se digo que hoxe en día entre as persoas que viven no medio rural e teñen un traballo non son maioría as que están ocupadas na agricultura (entendida en sentido amplo: agricultura e gandería).
Entre o 23% e o 33% das e dos habitantes de Galiza que traballan nos servizos, na construción, na industria ou na pesca viven no rural. Como xa temos visto máis arriba, salienta o caso da industria e da construción. Aínda que é dificil facer estimacións eu arriscome a dicir que posibelmente vivan no rural :
- a metade das galegas e galegos que traballan na construción e como mínimo un 38%.
- a terceira parte das persoas que traballan na industria.
É posíbel afirmar pois que no medio rural aséntase unha gran parte da clase traballadora galega. Nalgúns casos (non sei cuantificalos) o centro de traballo habitual destas persoas pode estar nas cidades ou nas vilas, pero é no medio rural onde teñen a súa residencia e non están alleas nin á xestión do territorio nin á actividade agraria. Esta actividade agraria ou se queremos dicilo doutra maneira, a agricultura practicada por estas persoas pode encadrarse dentro da denominada agricultura periurbana e/ou urbana. Un tipo de agricultura de gran magnitude e importancia a nivel mundial segundo constata, ademais de distintas autoras e autores, a propia Organización das Nacións Unidas para a Alimentación e a Agricultura (FAO) posto que pode implicar a uns 800 millóns de persoas de todo o mundo e pode estar cultivando entre o 15% e o 20% dos alimentos producidos en todo o planeta.
Aínda que, como tratei de demostrar máis arriba, a realidade é que unha gran maioría da xente que vive no rural e que ademais ten un traballo está ocupada en sectores económicos non agrarios, desde o meu punto de vista a agricultura é crucial para un país como o noso e absolutamente fundamental para que exista un medio rural vivo.
Nos últimos tempos desde practicamente todas as organizacións políticas dun extremo ao outro do abano ideolóxico reclámase e márcase como obxectivo “fixar” poboación no medio rural. Algo que tamén fan moitos sindicatos, os medios de comunicación, o goberno e asociacións xurdidas para chamar a atención sobre "la España vaciada".
Mais, por que o poboamento do medio rural ten que darse exclusivamente coas persoas que agora viven nel ? Entendo que existan sagas profesionais, non obstante tamén é necesaria a mobilidade social. É bo que haxa persoas labregas que son fillas de persoas labregas. Pero non comparto a idea de que sexan as únicas labregas e os únicos labregos que poidan existir no futuro, como tampouco concordo con que unha filla ou un fillo de persoas campesiñas non poidan chegar a ser, por exemplo, unha boa arquitecta ou un bo enfermeiro se así o desexan e as súas circunstancias persoais llo permiten.
O poboamento do medio rural non debería estar baseado nas habitantes e nos habitantes que se consigan “fixar”, senón nas habitantes e nos habitantes que elixan conscientemente vivir nel. Dito doutra maneira, o poboamento do medio rural debe ser froito dunha elección consciente e non unicamente o resultado de seguir unha “tradición” que non se pode romper ou de sufrir unha “maldición” como parece que nos queren dicir Fuxan os Ventos na súa canción “labregos” ( meu pai é labrego; labreguiño eu son; pasarei a vida xunguido ao terrón ). Por certo, ao meu entender esta canción non contribuíu nin a impulsar a loita labrega nin a consolidar un medio rural con vida. Eu diría que máis ben contribuíu e segue contribuíndo ao contrario. ¿Que persoa vai querer quedarse ou establecerse no rural para pasar a vida xunguida ao terrón coa expectativa de que tamén a pasen os seus fillos e fillas? Se as persoas que traballan o campo están convencidas de que levar unha vida tan dura como a dos seus antepasados/as será inevitábel ¿Cantas se van animar a participar nas loitas labregas para conseguir melloras nas condicións de vida e de traballo do campesiñado? ¿Que motivación van ter para facelo?
Se non estou trabucado Fernando Oliveira Baptista foi durante varios meses Ministro de Agricultura en Portugal despois do 25 de Abril e é autor de traballos de gran relevancia no ámbito das dinámicas socioeconómicas dos espazos rurais, da análise das políticas agrarias e dos criterios de xestión da propiedade forestal. Pois ben, segundo indica no seu libro “Agricultura e territórios” F. Oliveira Baptista considera que as pequenas unidades agrarias familiares teñen un papel de enorme importancia na ocupación do territorio porque están implantadas no mesmo cumprindo diferentes funcións e satisfacendo diferentes necesidades das distintas persoas que forman parte delas. No que respecta a Galiza: sería posíbel dicir o mesmo das casas que hai no rural? Ao meu entender probabelmente si. En especial no caso das casas de labranza, pero tamén no caso das casas vinculadas a unidades produtivas agrarias e no caso das casas que simplemente son residencias nas que vive de forma maioritaria xente traballadora. E iso contribuiría, en maior ou menor medida, a explicar por que a porcentaxe de poboación rural de Galiza é das máis altas da nosa contorna, por que os colectivos de persoas que a conforman teñen características claramente diferentes e por que persiste un número significativo de pequenas unidades agrarias familiares minifundistas ou casas de labranza cando xa hai moito tempo que unha gran parte da cidadanía as tiña condenado á desaparición.
Hai que conseguir que o medio rural sexa atractivo como lugar de residencia tanto para as persoas que actualmente xa viven en zonas pouco poboadas e/ou en pequenos núcleos de poboación como para as persoas que neste momento teñen o seu domicilio en zonas densamente poboadas e/ou en grandes núcleos urbanos (e non tan grandes).
Hai xente que pensa que neste momento o medio rural só son os restos do que foi en épocas anteriores. E intúo que non é pouca. Mesmo hai quen considera que o mundo rural está condenado á extinción e só tería interese para unha análise antropolóxica. Por exemplo a película “o que arde”, ao meu entender, está concibida, escrita e realizada desde esta forma de pensar.
Eu non comparto nada disto. O que ocorre, desde o meu punto de vista, é que seguimos tendo na cabeza a idea dun mundo rural como o que coñeciamos sen caer na conta de que hoxe xa estamos noutro tempo histórico e que o contexto cambiou. Na miña opinión, o medio rural galego que existe na terceira década do século XXI é diferente do que existiu no pasado. Agora ben, que sexa diferente non impide constatar que é moi importante desde a perspectiva territorial, que está vivo e que nel reside unha boa parte da clase traballadora galega. Expresado máis sinteticamente: na actualidade o medio rural galego xa non ten nin a mesma poboación nin as mesmas características que tiña nun pasado máis ou menos próximo pero está (segue estando) vivo e é (continua sendo) fundamental para o país.
DEBATES QUE ACTUALMENTE SE ESTÁN DANDO A NIVEL MUNDIAL SOBRE O PAPEL DA AGRICULTURA.
Xoán Carlos Carreira PérezSe queredes afondar no tema que se aborda neste artigo, tedes á vosa disposición un documento onde talvez poidades facelo. Este é o enlace ao mesmo:
Cal debe ser o papel da agricultura no século XXI ?
Neste debate global que se está dando a nivel mundial inclúense unha serie de debates parciais.
Empezarei polo debate sobre a soberanía alimentaria.
Jean Ziegler e Olivier De Schutter foron relatores especiais da ONU sobre o dereito á alimentación e Jacques Diouf foi director xeral da FAO (Organización das Nacións Unidas para a Alimentación e a Agricultura). Os tres exerceron estas responsabilidades durante varios anos. E os tres opinan que a fame e a mala nutrición de millóns de persoas no mundo non é debido a que exista un problema de superpoboación ou a que a produción de alimentos sexa insuficiente senón á desigualdade na distribución destes alimentos e á falta de accesibilidade aos mesmos. Pola súa parte Miguel A. Altieri indica que tamén contribúen á existencia de fame e mala nutrición no planeta as políticas de substitución de cultivos para alimentar á poboación por monocultivos exportadores.
Os monocultivos exportadores implantados nos países con dependencia económica de tipo colonial causaron graves danos ambientais e provocaron a desaparición de formas tradicionais de produción. Por iso, entre outros motivos, desde hai máis de vinte e cinco anos a Vía Campesiña defende a soberanía alimentaria entendida como "o dereito dos pobos, dos seus Países ou Unións de Estados a definir a súa política agraria e alimentaria sen dumping fronte a países terceiros".
Como explico no documento ao que podedes acceder no enlace indicado ao comezo deste artigo a soberanía alimentaria, que xera un intenso debate e vai gañando adhesións a medida que pasan os anos, non é sinónimo nin de autarquía nin de seguridade alimentaria. Aquí vou facer unha breve síntese desta explicación.
A autarquía é un sistema económico baseado na idea de que un país debe vivir única e exclusivamente cos recursos dos que dispón. Pola súa banda a soberanía alimentaria ten como obxectivo prioritario satisfacer as necesidades de alimentos da cidadanía do propio país pero, unha vez cuberta esta prioridade, non está en contra de intercambios con outros países sempre que se dean no marco dun comercio internacional xusto.
A seguridade alimentaria pretende conseguir que todas as persoas, en todo momento, teñan acceso físico e económico a suficiente alimento, seguro e nutritivo pero non entra a valorar ou analizar como se pode lograr isto. Pola contra, a soberanía alimentaria amplía este obxectivo e ademais fai propostas concretas de como alcanzalo.
No debate sobre a relación entre agricultura e biodiversidade existen dúas posturas moi diferentes.
Algúns autores e autoras defenden a separación entre conservación e produción (“land sparing”) e a “intensificación sustentábel”. Desde o seu punto de vista é necesario incrementar a produción para poder alimentar á poboación mundial. E propoñen lograr este incremento mediante unha intensificación que levaría a aumentar a produtividade da agricultura. Desta maneira consideran que habería que utilizar menos terra para conseguir o obxectivo de alimentar a toda a poboación do planeta e iso permitiría liberar máis terras para conservar a biodiversidade.
Non obstante, cualificados estudosos e estudosas estiman que o mundo xa produce suficiente alimento para nutrir a poboación esperada nas próximas décadas. Como xa vimos anteriormente ao falar de soberanía alimentaria, nesta liña están persoeiros de tanto prestixio como Jean Ziegler, Olivier De Schutter ou Jacques Diouf que consideran que no mundo non existe un problema de déficit na produción de alimentos senón un problema de inxustiza e falta de equidade no acceso aos mesmos. E non son as únicas persoas que opinan así.
Distintos autores, autoras e organizacións cuestionan a estratexia do “land sparing” e da “intensificación sustentábel”. A Vía Campesiña non cre que esta teña o obxectivo de aumentar o rendemento por unidade de superficie, senón que o que pretende é enmascarar cun perfil verde a produción industrializada a gran escala.
Estes autores e autoras consideran que se pode integrar produción e conservación ( "land sharing" ) e defenden unha agricultura alternativa, diversa e agroecolóxica que manteña a biodiversidade a nivel da paisaxe.
Un debate de gran transcendencia, é o que existe sobre a relación entre o tamaño das explotacións e a produtividade na agricultura. P. Rosset indica que a nivel mundial hai tres modelos. Nun deles as unidades agrarias máis pequenas son as que máis producen por unidade de superficie. Noutro, as unidades agrarias máis produtivas non son as menor tamaño, pero non deixan de ser pequenas unidades agrarias. No terceiro, característico dos países industrializados, aínda que o patrón é menos claro semella que son as unidades agrarias cun tamaño medio as que acadan a máxima produtividade.
Outro debate importante é sobre a multifuncionalidade da agricultura, un concepto que pode ser interpretado desde perspectivas ideolóxicas moi diferentes. En todo caso semella que existe un consenso bastante amplo a nivel mundial en considerar á agricultura como unha actividade que ademais de alimentos, forraxes, fibras, etc., “produce” servizos fundamentais para a sociedade: servizos ambientais, de conservación da biodiversidade, da paisaxe ou do patrimonio cultural material e inmaterial, entre outros. Non obstante nin o mercado nin a administración poden valorar economicamente moitos destes servizos. Máis ben non os queren valorar porque non é imposíbel facelo. De feito existen distintas propostas para remunerar a multifuncionalidade da agricultura.
Outra controversia que se está xeneralizando a nivel mundial é entre quen sostén que hai que aumentar o consumo de alimentos vexetais e quen defende o consumo de alimentos de orixe animal.
Un número crecente de investigacións permiten concluír que os alimentos de orixe animal teñen maior impacto ambiental que os de orixe vexetal, pero non se poden facer análises demasiado simplistas porque estes dous tipos de alimentos cumpren funcións moi diferentes na nosa dieta nutricional.
A IMPORTANCIA DO AUTOCONSUMO E DO COMERCIO DE PROXIMIDADE
Xoán Carlos Carreira PérezO texto que estades empezando a ler é un resume ou síntese dun documento no que se desenvolve máis polo miúdo este tema. Aquí tedes o enlace ao citado documento:
https://drive.google.com/file/d/1tyxcuZXHjb6YDErRcJ54ucdekpl6y7_-/view?usp=sharing
En sentido amplo considérase comercio de proximidade o que se da na localidade e na súa contorna máis inmediata. Por outra banda, prescindindo de matizacións que deixo para que as faga quen lea isto, pódese dicir de maneira simplificada que existe autoconsumo cando as producións obtidas na unidade agraria se destinan a alimentar ás persoas que forman parte da mesma. A pesar de que na nosa terra non está moi considerado por certos sectores da sociedade, o autoconsumo é defendido e mesmo reivindicado por varias autoras, autores e organizacións. Este é caso de Aurora Soria que, ao analizar o contexto agrario, rural e campesiño en Portugal, indica que falar de autoconsumo é falar de racionalidade campesiña. Ou da "Secretaría de Agricultura y Desarrollo Rural" do Goberno de México que no ano 2020 afirmaba: "a produción de autoconsumo é unha alternativa que permite alcanzar a seguridade alimentaria no noso país".
O comercio de proximidade e o autoconsumo proporcionan á sociedade apreciábeis beneficios.
a) A agricultura de autoconsumo contribúe a facer efectivo o dereito á alimentación.
O dereito á alimentación é un dereito fundamental de todos os seres humanos segundo recoñecen entre outros a FAO (Organización das Nacións Unidas para a Alimentación e a Agricultura) e a Vía Campesiña. A pesar disto o poder impulsa un tipo de agricultura que ten como prioridade obter o máximo beneficio posíbel. En consecuencia o obxectivo de conseguir alimentar de maneira sa e suficiente a toda a cidadanía queda continuamente relegado. Un obxectivo que, pola contra, a agricultura de autoconsumo contribúe a alcanzar porque prioriza a produción destinada a alimentar aos propios produtores e produtoras e ás persoas máis próximas.
b) O autoconsumo é fundamental para acadar a soberanía alimentaria ou polo menos para achegarse a ela. Hoxe en día a produción das hortas familiares está cubrindo unha parte moi significativa do noso consumo interior.
c) A soberanía alimentaria leva implícito en gran medida o comercio de proximidade e viceversa. Podemos dicir que existe unha simbiose entre comercio de proximidade e soberanía alimentaria.
d) O autoconsumo e o comercio de proximidade inflúen positivamente nas condicións e na calidade de vida no medio rural.
As pequenas unidades agrarias familiares minifundistas ou casas de labranza que producen para autoconsumo e/ou para vender no comercio de proximidade son as unidades agrarias que máis contribúen a que neste país teñamos un medio rural habitado en maior ou menor medida. E tamén son as que máis contribúen á xestión territorial do mesmo, especialmente da superficie útil para a produción agrícola e agrogandeira e da ocupada por especies arbóreas forestais.
Desde outra perspectiva hai que dicir que a comercialización de proximidade favorece as economías locais das vilas e núcleos rurais. As feiras e mercados locais de proximidade en Galiza foron fundamentais para a economía dos lugares onde se celebraban. Hoxe en día ségueno sendo alí onde se seguen realizando. E empezan a selo cando comezan a celebrarse nos lugares onde non se celebraban ben porque non existía esta tradición, ben porque se tiña perdido ou interrompido.
e) O comercio de proximidade e o autoconsumo son prácticas respectuosas co medio ambiente coas que se minimizan e incluso se eliminan os impactos ambientais ocasionados por outros tipos de agricultura.
O transporte de alimentos está causando un impacto ambiental xigantesco a nivel mundial. O comercio de proximidade contribúe a reducilo de maneira drástica e o autoconsumo mesmo o elimina. Ademais o autoconsumo e o comercio de proximidade tamén contribúen a reducir o consumo de enerxía porque, agás casos excepcionais, tanto nun caso coma no outro os froitos non teñen que pasar por cámaras de maduración nin de refrixeración.
f) O comercio de proximidade e o autoconsumo inflúen positivamente na calidade da dieta por varias razóns, entre outras:
- porque levan implícito o feito de que se consuman produtos de tempada, un hábito moi recomendábel desde o punto de vista da saúde e da calidade da dieta xa que os alimentos se consumen no momento óptimo para aproveitar os seus valores nutritivos.
- porque os froitos se recollen maduros diminuíndo o tempo que pasa entre a colleita e o consumo
- porque os produtos non necesitan tratamentos para soportar longas viaxes
g) O comercio de proximidade e o autoconsumo contribúen moi significativamente a reducir o desperdicio de alimentos xa que cando os lugares de produción están preto dos lugares de consumo as perdas post-colleita diminúen considerabelmente.
Na miña opinión, é necesario o compromiso do conxunto da sociedade, a través da intervención da administración, para garantir a vitalidade do autoconsumo e do comercio de proximidade posto que, como acabo de explicar, proporcionan á sociedade apreciábeis beneficios.
SE O AUTOCONSUMO CONTARA…
Xoán Carlos Carreira PérezPodedes acceder a un documento que afonda máis no tema que se aborda a continuación no seguinte enlace:
Este artigo ten o mesmo título que o devandito documento e como se di alí ven sendo unha reprodución case literal do título dun libro que eu considero de obrigada lectura : “SE AS MULLERES CONTARAN. Unha nova economía feminista” de Marilyn Waring.
Seguindo a mesma liña argumental apuntada por Fernando Oliveira Baptista no seu libro “Agricultura e territórios” podemos afirmar que o interese por levar un modo de vida determinado do que case sempre forma parte o autoconsumo é un dos factores que inflúe de maneira importante na decisión que toman as persoas de manter a súa residencia no medio rural ou incluso de establecela por primeira vez. Así pois, ao meu entender, o autoconsumo contribúe significativamente a que neste país exista unha porcentaxe de poboación rural que, como expuxen noutro artigo, está entre as máis altas dos países da nosa contorna e das comunidades autónomas do Estado Español.
Por outra banda, a produción para autoconsumo ten como principal obxectivo alimentar ás propias produtoras e produtores e ás persoas máis próximas e polo tanto contribúe a acadar a soberanía alimentaria. Pero non é o mesmo que esa contribución sexa máis grande ou máis pequena. E por iso, desde o meu punto de vista, ten moito interese analizar a súa importancia cuantitativa.
Vou realizar esta análise da importancia que ten a produción de autoconsumo, especialmente no caso da importancia económica, establecendo comparacións co sector lácteo, o de maior peso económico dentro da agricultura e gandería de Galiza, o que máis contribúe á súa Produción Final Agraria. Desta maneira pretendo facer máis evidente a relevancia que ten a produción das hortas familiares incluída a destinada ao autoconsumo.
Eu estimo que a produción das hortas familiares cubriría sobradamente todo o consumo de feixóns, pementos, tomates, mazás e kiwis que fai o conxunto da cidadanía galega e posibelmente tamén o de repolos. Cubriría ademais arredor da metade da demanda de patacas, leitugas, cebolas, cereixas e guindas que existe en Galiza e unha porcentaxe menor pero significativa do total de cenorias, pexegos e peras consumidas neste país.
Así pois, unha parte importante das necesidades de alimentos que existen en Galiza son satisfeitas a través da produción das hortas familiares de autoconsumo.
Cuantificar a cantidade de residentes no medio rural que cultivan hortas familiares é difícil porque non hai fontes de información ao respecto ás que se poida acceder libremente. Pero algúns datos indirectos como o número de vivendas nos concellos con menos de 2.000 habitantes, a superficie das hortas familiares e as unidades de traballo necesarias para cultivar unha hectárea de horta, permiten intuír que na produción para autoconsumo están implicadas un número de persoas moi considerábel que probabelmente é moito maior do que pensan a gran maioría das galegas e dos galegos. E que, en todo caso, é claramente superior ás aproximadamente 16.000 persoas implicadas na produción de leite (estimación feita a partir dos datos da “Encuesta sobre la estructura de las explotaciones agrícolas” do ano 2016).
A continuación vou analizar os recursos económicos que proporcionan as hortas familiares de autoconsumo e, como dixen, vou comparalos cos recursos económicos que proporciona o sector lácteo. Eu considero que o máis adecuado é analizar os recursos económicos netos é dicir, simplificando, o valor da produción menos a contía dos gastos necesarios para obtela, porque eses son os recursos económicos, fundamentalmente os cartos, que realmente quedan para quen produce.
Para valorar a produción das hortas familiares de autoconsumo multipliquei as producións obtidas polos prezos aos que terían que pagalas as consumidoras e consumidores. Pois ben, tendo en conta isto, a miña estimación é que o valor da produción das hortas familiares de autoconsumo oscila, máis ou menos, entre 360 e 503 millóns de euros mentres que o da produción do sector lácteo alcanza aproximadamente uns 1.100 millóns de euros. Con estes datos a maioría das persoas concluirían que a importancia económica das hortas familiares é moito menor, pero se en lugar de analizar o valor da produción analizamos os recursos económicos netos proporcionados talvez as conclusións sexan diferentes.
Os recursos económicos netos que achegan as hortas familiares de autoconsumo ás campesiñas e campesiños (entre 306 e 427 millóns de euros aproximadamente) superan, aínda que sexa por pouco, aos recursos económicos netos que achega o sistema agrogandeiro comercial ás explotacións dedicadas á produción de leite (máis ou menos entre 199 e 302 millóns de euros). En todo caso, se non queremos entrar en matices podemos afirmar sen risco de equivocarnos que a produción de leite e as hortas familiares de autoconsumo proporcionan a quen produce recursos económicos netos practicamente equiparábeis.
Concluíndo, a magnitude e a importancia económica da produción das hortas familiares destinada ao autoconsumo está fóra de toda dúbida. As hortas familiares estarían cubrindo unha parte moi substancial do noso consumo interior de certos produtos e a súa importancia económica é moi considerábel, practicamente equivalente á do sector lácteo considerado como o máis relevante do noso sistema agrario.
Así pois sería conveniente e necesario para o sistema agrario e para toda Galiza dedicar ás hortas familiares que producen para autoconsumo a atención que merecen e facer políticas agrarias que favorezan e mesmo impulsen o importante papel que cumpren no noso país.
ATA ONDE É POSÍBEL SATISFACER AS NECESIDADES DE ALIMENTOS DA CIDADANÍA GALEGA A TRAVES DO COMERCIO DE PROXIMIDADE ?
Xoán Carlos Carreira PérezAntes de nada: xa sabedes que podedes acceder a un documento que aborda máis profunda e extensamente o tema que se trata no presente artigo. Podedes facelo no seguinte enlace:
Para analizar en que medida a cidadanía establecida en Galiza pode abastecerse de alimentos a través do comercio de proximidade vou distinguir por unha banda a situación das producións vexetais destinadas a consumo humano directo e por outra banda a situación das producións que proveñen do gando herbívoro. Deixo fóra desta análise aquelas producións que son máis propias da gandería industrial, un sistema produtivo que, desde o meu punto de vista, non foi ideado nin desenvolto para comercializar en proximidade.
Habitualmente as producións gandeiras antes de ser consumidas teñen que ser procesadas dunha maneira máis ou menos complexa nunha industria agroalimentaria.
Semella que non sería moi difícil cos medios tecnolóxicos dos que se dispón hoxe en día decidir cal é a mellor opción para situar as industrias que procesen as producións gandeiras. E a partir de aquí, non hai dúbida de que a vontade política e un orzamento adecuado permitirían facela viábel na realidade.
Non obstante, o tamaño destas agroindustrias pode ser un tema máis controvertido. Na miña opinión se en lugar de ter como prioridade a obtención do máximo beneficio o prioritario fora servir á sociedade, desde os poderes públicos poderíase impulsar ou crear directamente unha rede de pequenos matadoiros, pequenas salas para despezar e pequenas instalacións para envasar leite e elaborar derivados lácteos como queixos e iogures entre outros. E se cadra tamén sería posíbel incluír nela outras industrias menos habituais dun tamaño non moi grande que estea en consonancia co tamaño das que acabo de citar. Esta rede de pequenas industrias agroalimentarias favorecería claramente a práctica do comercio de proximidade.
Compre ter presente que as unidades agrarias que producen leite tamén poden ou poderían elaborar queixos, iogures e outros alimentos lácteos e ademais vendelos. E isto habería que telo en conta á hora de decidir o número e as características das pequenas industrias agroalimentarias que constitúan a rede da que acabo de falar. E habería que telo en conta porque esta rede non necesitaría cubrir toda a demanda que existe de derivados lácteos no caso de que unha parte da mesma fora cuberta directamente por unidades agrarias que os elaboren. Iso, claro está, sempre que non se lles impida facelo.
Na análise da capacidade que ten Galiza de abastecer á súa poboación residente a través do comercio de proximidade vou seguir a metodoloxía proposta por varias autoras e autores que consiste en estudar as concas ou bacías alimentarias. Zumkehr e Campbell definen a bacía alimentaria como a área xeográfica na que os alimentos se producen e consumen e na que se da unha sinerxía entre a sustentabilidade do agroecosistema, a economía rural e a seguridade alimentaria. Eu considero que en Galiza o máis axeitado é definir as bacías alimentarias a partir da división comarcal do territorio.
Nas bacías alimentarias analicei cal é a situación actual pero esta pode evolucionar negativa ou positivamente (en relación co que estamos falando) en función das modificacións que se produzan nas superficies dedicadas a cada cultivo e/ou aproveitamento. Modificacións provocadas ou incentivadas por distintos factores, entre eles un de grande importancia: as políticas agrarias.
Agora ben, a situación actual é o punto de partida e coñecela permite avaliar as posibilidades de conseguir a través do comercio de proximidade o total abastecemento da xente que vive na bacía alimentaria ou, en todo caso, o máximo nivel de abastecemento que sexa posíbel alcanzar. E a partir de aquí pódense deseñar e poñer en práctica as medidas máis adecuadas. Nas liñas anteriores falo, obviamente, do abastecemento daqueles alimentos que se poidan producir dentro da bacía alimentaria.
Tan só considerei unha variante respecto da situación actual: á hora de facer os cálculos supuxen que os sistemas produtivos son respectuosos co medio ambiente. Desde o meu punto de vista, no caso concreto do gando herbívoro este suposto vai inseparabelmente unido a outro: o suposto de que os sistemas de produción son extensivos. Ao meu entender é practicamente imposíbel que un sistema de produción do gando herbívoro sexa respectuoso co medio ambiente se non é extensivo. Dito doutra maneira que non sexa tan tallante: se un sistema de produción do gando herbívoro non é extensivo é case imposíbel que sexa respectuoso co medio ambiente.
A primeira análise foi feita considerando que as bacías alimentarias están conformadas por unha soa comarca, é dicir que cada comarca é en si mesma unha bacía alimentaria.
Pois ben, de acordo con esta análise, o 97% das galegas e dos galegos poderían abastecerse de produtos hortícolas incluídos os froitos de horta dentro da comarca na que residen. O 58% poderían facelo de patacas e o 53% de froita (daquela que se pode producir na nosa terra).
No caso dos cereais obsérvase unha situación diferente. Unicamente o 3% das persoas que viven neste país poderían abastecerse de trigo dentro comarca onde residen. Enténdase do trigo necesario para elaborar os produtos consumidos por estas persoas nos que este cereal intervén como materia prima ( pan, galletas, bolaría, pasta, etc. ).
A porcentaxe de comarcas totalmente autoabastecidas de produtos que proveñen do gando herbívoro é moi elevado (81%) pero a porcentaxe de habitantes de Galiza que poderían abastecerse totalmente destes produtos dentro da súa comarca non chega ao 50%. Isto é debido a que as comarcas que non están totalmente autoabastecidas, agás excepcións, coinciden coas máis poboadas.
Para complementar estes resultados e afondar neles, a segunda análise foi realizada considerando que o comercio de proximidade que permite cubrir as necesidades de alimentos das persoas que viven nas cidades e nas súas contornas urbanas debe estenderse a bacías alimentarias conformadas por varias comarcas.
Así pois, analicei as bacías alimentarias das cidades galegas e as súas contornas urbanas e constatei o seguinte.
Nas bacías alimentarias que permiten satisfacer todas as necesidades de patacas, froitas e produtos hortícolas (incluídos os froitos de horta) as distancias máximas que teñen que percorrer os alimentos desde os lugares de produción aos lugares de consumo son en xeral relativamente pequenas. Oscilan entre 15 km na bacía alimentaria da cidade de Ourense e 71 km na bacía alimentaria da aglomeración urbana de Ferrol-A Coruña.
Máis grandes, aínda que sen superar os límites do comercio de proximidade, son as distancias máximas que teñen que percorrer os alimentos desde os lugares de produción aos lugares de consumo nas bacías alimentarias que permiten cubrir por completo a demanda de produtos que proveñen do gando herbívoro ( leite, carne de vacún, carne de ovino e carne de caprino). Oscilan entre 36 km na bacía alimentaria de Santiago de Compostela e 137 km na bacía alimentaria da aglomeración urbana de Vigo-Pontevedra.
En todo caso hai que dicir que calquera grao de abastecemento que se consiga a través do comercio de proximidade é moi positivo xa que reducirá en igual cuantía as importacións que se fan de alimentos, ás veces percorrendo miles de quilómetros. Por exemplo, as persoas que viven nas cidades de Vigo e Pontevedra e na súas contornas urbanas poderían cubrir o 50% das súas necesidades de consumo de leite e carne de vacún co que producen unidades agrogandeiras situadas a menos de 80 km da súa residencia.
En conclusión: potencialmente a xente deste país podería satisfacer a maioría das súas necesidades de alimentos a través do comercio de proximidade. Comercio de proximidade que pode cinguirse á súa propia comarca ou estenderse á bacía alimentaria dunha cidade e a súa contorna urbana no caso de que teña alí a súa residencia. Falo, insisto, daquilo que se pode producir na nosa terra.
Así pois, actualmente a situación de Galiza é un bo punto de partida para alcanzar un elevado nivel de soberanía alimentaria a través do comercio de proximidade. Para conseguir isto son necesarias, entre outras cousas, políticas agrarias adecuadas. Agora ben, para decidir cales deberían ser estas políticas é imprescindíbel un debate en profundidade. E canto antes se comece a dar mellor.
Xa que logo, vou dar a miña opinión ao respecto sen máis pretensión que contribuír a este debate e facer achegas que só aspiran a formar parte dunha chuvia de ideas.
Como vimos en parágrafos anteriores, nas bacias alimentarias constátase que non todos os cultivos e/ou aproveitamentos se encontran na mesma situación no que concirne ao balance entre produción e consumo. Tendo en conta isto talvez sería conveniente aplicar medidas de política agraria diferentes. Así pois o que compre é analizar cales desas medidas son as máis adecuadas para implementar en cada situación.
Por unha banda existen producións ás que se lles dedica máis superficie da que se precisa para cubrir todas as necesidades de consumo das mesmas. Nestes casos para conseguir que toda a xente que o desexe acceda ás devanditas producións as políticas agrarias deberían centrarse na cadea de intermediarios e intermediarias que existe entre as persoas produtoras e as persoas consumidoras e no percorrido seguido polos alimentos ata chegar a estas. Certo é que na comercialización de proximidade normalmente o número de entidades ou persoas intermediarias é mínimo e as distancias son cortas pero moitas veces aínda sería posíbel reducir tanto unhas coma outras, mellorar as características do trazado das vías polas que van os alimentos e/ou as condicións en que se encontran e mesmo conseguir que a cadea de intermediarios e intermediarias funcione mellor, é dicir, que non rebaixe a calidade dos produtos, que cobre menos a quen consume e que pague máis a quen produce.
Por outra banda tamén existen producións ás que, pola contra, se lles dedica menos superficie da que se precisaría para cubrir todas as necesidades de consumo das mesmas. Nestes casos as políticas agrarias deberían centrarse en lograr un aumento da superficie dedicada ás producións deficitarias mediante a incorporación de novas terras á superficie agraria e/ou mediante a modificación de usos na actualmente existente.
É POSIBEL ACHEGARSE Á SOBERANÍA ALIMENTARIA SEGUINDO SISTEMAS DE PRODUCIÓN EXTENSIVOS ?
Xoán Carlos Carreira PérezComo xa é habitual neste blog, se vos interesa podedes acceder ao documento titulado da mesma maneira que o presente artigo no seguinte enlace:
Estes últimos meses actualicei os datos que teño ofrecido hai algún tempo sobre as posibilidades de acadar a soberanía alimentaria en Galiza. E esta actualización confirma o diagnóstico feito no seu día. Algúns cultivos e/ou aproveitamentos estarían ocupando moita máis superficie da que se precisa para cubrir todas as necesidades dos mesmos que ten a cidadanía galega. Este é o caso especialmente daqueles que sustentan xunto cos pensos o monocultivo exportador do leite, é dicir, os cultivos forraxeiros e prados. Pero tamén é o caso das patacas, da froita e dos produtos hortícolas. Por outra banda algúns cultivos como o trigo e o centeo non dispoñen da superficie que se necesitaría para cubrir toda a demanda destes cereais que existe no país. Ao facer un balance entre a superficie de máis da que dispoñen unhas producións e a superficie de menos da que dispoñen outras constátase que na actualidade Galiza no seu conxunto dispón da suficiente superficie útil para a produción agrícola e agrogandeira para achegarse moito á soberanía alimentaria e quen sabe se para alcanzala.
Este diagnóstico hai que contextualizalo tendo en conta tres cuestións:
a) sempre haberá produtos ou alimentos, fundamentalmente nas froitas e hortalizas, dos que non nos poidamos autoabastecer por distintos motivos. Ben porque en Galiza non se poden cultivar ben porque só se poden cultivar en zonas moi restrinxidas e/ou con moi baixos rendementos ben porque as épocas de consumo son moito máis longas que as tempadas de produción na nosa terra ben por outras razóns.
b) os hábitos de consumo poden ir cambiando co paso do tempo e, en consecuencia, tamén pode acontecer o seguinte:
- que varíe a cantidade de produtos e/ou alimentos consumidos fóra das tempadas de produción no país.
- que varíen os balances entre produción e necesidades de alimentos.
c) nalgúns casos os sistemas produtivos actuais non son demasiado respectuosos co medio ambiente.
A soberanía alimentaria é un obxectivo moi importante, transcendental e digno de encomio pero forma parte dunha proposta máis global para que os alimentos sexan nutritivos, culturalmente adecuados, accesíbeis e producidos de forma sustentábel e ecolóxica, ou mellor agroecolóxica. Por iso, ao meu entender, a soberanía alimentaria debe ir moi unida a esta forma de producir. Pero pode haber quen pense que isto imposibilitaría a consecución do autoabastecemento do país porque talvez conduciría a unha redución da produción. Imos ver, xa que logo, se é posíbel achegarse á soberanía alimentaria con sistemas produtivos máis respectuosos co medio ambiente.
Desde o meu punto de vista, uns sistemas produtivos na gandería e concretamente na gandería de herbívoros que sexan máis sustentábeis e agroecolóxicos necesariamente deben ser máis extensivos. Isto implicaría, na miña opinión, dedicar menos superficie da que se lle dedica actualmente ao cultivo do millo forraxeiro, moi pouco respectuoso co medio ambiente e reducir moi substancialmente o consumo de penso, moito del elaborado con materias primas que necesitan ser transportadas desde países situados a varios miles de quilómetros de distancia.
A produción de leite e carne de vacún en Galiza faise na actualidade coas seguintes cargas gandeiras :
- unhas 2,4 UG/ha, aproximadamente, no caso do gando vacún de leite.
- arredor de 1,2 UG/ha no caso do gando vacún de carne.
No caso do gando ovino-caprino a carga gandeira está un pouco por debaixo da indicada para o gando vacún de carne.
Mais: cal sería a situación no caso de que se seguiran sistemas de produción que se puideran cualificar de maneira inequívoca como extensivos con cargas gandeiras considerabelmente máis baixas ?
Pois ben, para contestar a esta pregunta decidín analizar varios supostos que encaixaran no tipo de sistema produtivo que se describe na mesma. E talvez permita contestala, ou polo menos axude a facelo, o exemplo que vou dar a continuación.
Supoñamos un sistema produtivo extensivo no que as cargas gandeiras foran:
- 0,7 UG/ha no caso do gando vacún de leite.
- entre 0,7 UG/ha e 0,9 UG/ha tanto no caso do gando vacún de carne como no caso do gando ovino e caprino.
Neste suposto a superficie da que se dispón hoxe en día en Galiza para alimentar ao gando herbívoro seguiría sendo claramente superior á superficie que se necesitaría con este sistema produtivo extensivo para cubrir toda a demanda de alimentos procedentes das vacas, ovellas e cabras que existe no noso país.
E unha vez cubertas todas as necesidades da xente que vive en Galiza aínda quedaría dispoñíbel entre un 9% e un 35% da superficie de pradeiras, prados e pasteiros que se está utilizando actualmente. En relación con isto atreveríame a facer unha proposta deixando claro que só é unha proposta que pode tomarse ou non en consideración: destinar a superficie de pradeiras, prados e pasteiros que aínda quedaría dispoñíbel unha vez cubertas todas as necesidades da xente que vive en Galiza ben a facer aínda máis extensivos os sistemas produtivos do gando vacún de carne e do gando ovino e caprino ben a producir para exportar.
Polo que respecta á obtención de alimentos de orixe vexetal para consumo humano directo, hai que dicir que adoptar prácticas agroecolóxicas non ten por que implicar descensos na produción e non sería temerario supoñer que os rendementos actuais poderían manterse. En calquera caso coa superficie actualmente destinada aos cultivos hortícolas, ao cultivo de patacas e ás froiteiras aínda se seguiría garantindo a soberanía alimentaria mesmo con reducións de rendementos de ata un 80% no caso da horta, de ata un 68% no caso do cultivo de patacas e de ata un 17% no caso das froiteiras.
Concluíndo, as condicións naturais do noso país (edafolóxicas, climáticas, orográficas, etc. ) permitiríanlle a Galiza alcanzar un alto grao de soberanía alimentaria naqueles alimentos que se poden producir na nosa terra asumindo o campesiñado galego a produción dos mesmos de forma sustentábel e agroecolóxica. No caso dos alimentos procedentes do gando herbívoro seguindo sistemas de produción extensivos, considerabelmente máis extensivos que os actuais. E no caso dos alimentos de orixe vexetal destinados ao consumo humano directo adoptando prácticas próximas ás da agroecoloxía, entre outras reducindo significativamente ou mesmo eliminando, se é posíbel, a utilización de fertilizantes, pesticidas, herbicidas e outros insumos químicos de síntese.
Así pois, na miña opinión, Galiza (a cidadanía galega) pode conseguir de forma simultánea dous logros moi importantes: por unha banda ter un elevado nivel de soberanía alimentaria e por outra banda facer da agroecoloxía a clave de bóveda do seu modelo agrario. E cando falo desta clave de bóveda inclúo as unidades agrarias que se sitúan claramente dentro do ámbito da agroecoloxía e tamén aquelas outras que se aproximan significativamente á mesma, especialmente as pequenas unidades produtivas familiares minifundistas que configuran a agricultura tradicional.
AGROECOLOXÍA, AGRICULTURA TRADICIONAL E NOVO SISTEMA AGRARIO EN GALIZA
Xoán Carlos Carreira Pérez
A continuación vou facer unha síntese do devandito documento.
Para un número de persoas nada desprezábel agroecoloxía e agricultura ecolóxica significan o mesmo. Pero non é así.
A agricultura ecolóxica é un conxunto de técnicas agrícolas e gandeiras caracterizadas pola non utilización de insumos químicos de síntese como fertilizantes, pesticidas, herbicidas, antibióticos, etc. ( E. Moyano ). A posta en práctica destas técnicas é un avance, pero diversas autoras, autores e organizacións considérano insuficiente. Por iso defenden e impulsan a agroecoloxía. Así, unha persoa de tanto prestixio como o profesor da universidade de Berkeley Miguel A. Altieri considera que ademais de utilizar técnicas agrícolas e gandeiras ecolóxicas ou respectuosas co medio ambiente hai que incorporar unha compoñente social. Na mesma liña a Vía Campesiña entende a agroecoloxía como un enfoque tecnolóxico subordinado a obxectivos políticos profundos, en definitiva, como unha forma de vivir, loitar e resistir contra o capitalismo. E para a FAO (Organización das Nacións Unidas para a Alimentación e a Agricultura), a agroecoloxía é simultaneamente unha disciplina científica, un conxunto de prácticas e un movemento social.
O sistema agrario tradicional do noso país caracterizado polo minifundio é percibido maioritariamente pola cidadanía galega como un sistema atrasado que necesita modernizarse. Non obstante como xa se explicaba hai uns dez anos no libro "o pequeno é grande", sempre existiron persoas moi cualificadas que defenderon este sistema tradicional minifundista por razóns de peso e con sólidos argumentos. Este é o caso de Valenzuela Ozores na segunda metade do século XIX ou de Valeriano Villanueva, un dos mais importantes divulgadores agrarios de Galiza nos inicios do século XX.
Ao meu entender podería ser ilustrativo e mesmo útil analizar cales son as semellanzas e as diferenzas do noso sistema agrario tradicional cos distintos tipos de agricultura que actualmente existen no mundo, en especial con aqueles que procuran ser respectuosos co medio ambiente. Así pois comparei as características da agricultura practicada polas labregas e labregos neste sistema tradicional cos principios agroecolóxicos básicos propostos por Reijntjes e outros/as así como cos elementos establecidos pola FAO como guía para as transicións agroecolóxicas. E estas comparacións, desde o meu punto de vista, permiten afirmar que as pequenas unidades agrarias familiares de Galiza non están lonxe da agroecoloxía. Eu case me atrevería a dicir que máis ben están próximas a ela.
Na miña opinión as unidades agrarias familiares minifundistas deste país introducindo algunhas pequenas modificacións no seu sistema produtivo estarían en disposición de situarse á vangarda das novas ideas sobre o papel da agricultura, as máis actuais e progresistas que se abren paso hoxe a nivel mundial. Sempre, claro está, que o proxecto social e económico contemple este obxectivo e que se tomen as medidas políticas adecuadas para alcanzalo.
De feito como se asegura no libro anteriormente citado, "o pequeno é grande", apoiándose en Victor Toledo e recollendo unha cita de Miguel A. Altieri: a estrutura xeral do minifundio galego seméllase moito ao que hoxe en dia se considera agroloxicamente ideal, xa que a multifuncionalidade só emerxe cando as paisaxes están dominadas por centos de leiras pequenas e biodiversas que poden producir moito máis por unidade de superficie que as grandes extensións.
Ao meu entender é imprescindíbel camiñar cara un novo modelo agrario en Galiza. Este novo modelo agrario debería ter a agroecoloxía e a agricultura tradicional como dous dos seus eixos básicos. Se alguén ten medo de que a produción diminúa hai que dicir que xa hai algúns anos distintos autores (Rosset, Badgley e colaboradores/as ou Dufumier, entre outros) puxeron de manifesto que as pequenas e medianas propiedades familiares teñen demostrado ser máis eficientes que outros tipos de explotacións agrícolas. E que os sistemas orgánicos producen máis por ha que os sistemas convencionais nos países en desenvolvemento e o mesmo nos países desenvoltos
Este novo modelo agrario na miña opinión debería:
- estar máis centrado en satisfacer as necesidades propias que na exportación.
- alcanzar o maior nivel de soberanía alimentaria que lle permitan as condicións naturais (edafolóxicas, climáticas, orográficas, etc.)
- acadar o máximo autoabastecemento posíbel da poboación a través do comercio de proximidade.
- integrar produción e conservación.
- valorar a crucial importancia que teñen tanto as unidades agrarias que practican a agroecoloxía como as casas de labranza ou pequenas unidades agrarias familiares minifundistas que practican unha agricultura tradicional. E, xa que logo, actuar en consecuencia.
- ser capaz de conseguir que as produtoras e produtores obteñan unha remuneración xusta polo seu traballo e ao mesmo tempo que toda a cidadanía que o desexe poida acceder física e economicamente a alimentos sans e nutritivos.
No caso de que se opte polo novo modelo agrario do que estou falando, o noso país dispón dos recursos e dos espazos territoriais necesarios e adecuados para acollelo e desenvolvelo. Hai suficiente superficie útil para a produción agrícola e agrogandeira para alcanzar un elevado nivel de soberanía alimentaria.
E isto sería posíbel conseguindo ao mesmo tempo tres logros moi beneficiosos para a sociedade e o medio ambiente.
- o primeiro: cubrir a maior parte das necesidades de alimentos da poboación, mesmo a totalidade no caso dalgúns produtos, a través do comercio de proximidade.
- o segundo: obter os alimentos que teñen a súa orixe no gando, fundamentalmente no gando herbívoro, a través dun sistema produtivo considerabelmente máis extensivo e respectuoso co medio ambiente que o que se segue na actualidade.
- o terceiro: obter as producións vexetais destinadas a consumo humano directo seguindo tamén sistemas de produción respectuosos co medio ambiente, entre outras cousas evitando o uso de agrotóxicos ou, no caso de que non se puidera evitar totalmente, limitándoo o máximo posíbel.
Se tiveramos máis confianza en nós mesmas, en nós mesmos e na nosa propia capacidade, en lugar de tratar de imitar modelos alleos que posibelmente dentro de pouco xa estarán caducos talvez nos atreveriamos a dicir: mirade para aquí, mirade para Galiza, o modelo axiña imos ser nós; xa estamos no camiño.
Subscrever:
Mensagens (Atom)
CADULLO: Cada un dos sucos que se aran de través, por non chegar o arado ás estremas dunha leira ( RAG ) A continuación tedes sete artigo...
-
ATA ONDE É POSÍBEL SATISFACER AS NECESIDADES DE ALIMENTOS DA CIDADANÍA GALEGA A TRAVES DO COMERCIO DE PROXIMIDADE ? ...
-
É POSIBEL ACHEGARSE Á SOBERANÍA ALIMENTARIA SEGUINDO SISTEMAS DE PRODUCIÓN EXTENSIVOS ? ...